Opinión

Para bellum

En 1935, Hermann Göring sentenciou, nun discurso pronunciado en Hamburgo, que o ferro sempre fixo forte o imperio, mentres que a manteiga e o unto, o máis que fixeron, foi engordar os países. O artista gráfico John Heartfield ridiculizaría a frase, nun dos seus fantásticos collages, mostrando unha familia alemá, devota do Führer, sentada na mesa da cociña tratando de engulir anacos de ferralla. Heartfield acompañou a ilustración cunha frase cáustica: "Viva, xa non hai manteiga!".

Co Estado español sumido nun (novo) escándalo de presunta corrupción e tráfico de influencias a costa de contratos millonarios feitos en tempos de pandemia, o mundo continúa percorrendo camiños bélicos perigosos. Ucraína e Palestina son dúas feridas abertas dunha guerra mundial que, de fría, pode pasar a quente cando menos se espere.

O diario El País, cuxos donos teñen os seus intereses na rama da ferralla, abría portada este domingo encoraxando a preparación de Europa para a guerra –en referencia, obviamente, á implicación da UE no conflito Rusia-OTAN que se desenvolve en territorio ucraíno–. Menos paixón mostra ese diario pola implicación da UE na Faixa de Gaza, onde Israel ten carta libre para cribar persoas famentas en puntos de recollida de axuda humanitaria. O editorial do mesmo xornal alertaba da necesidade da "pedagoxía" para que os cidadáns europeos comprendan as ansias guerreiras das súas elites. Velaí outro tipo de corrupción non menos grave que a das máscaras.

Dos moitos talóns de Aquiles que ten a UE, a ausencia dun sentido de comunidade política solidaria é o principal. A debilidade de Europa nun escenario de guerra aberta con Rusia non ten que ver unicamente coa súa natureza de peón dos EUA, nin coa ausencia dun exército competitivo, senón coa sospeita de que a implicación da UE no desastre bélico, lonxe de actuar como catalizador dun nacionalismo cohesivo, como se entende que actuaron as guerras mundiais do s. XX nalgúns estados-nación europeos, pode propiciar, ao primeiro revés que se produza, que estoure unha polvoreira centrifugadora. Os plans Erasmus non palían a débil conexión emocional das masas coa superestrutura burocrática bruxelense nin a persistencia de filiacións sentimentais con outras escalas. Isto Rusia sábeo. Os EUA tamén. Semellan ser os "europeístas" os únicos que non se decatan de que ningún europeo está disposto a comer ferralla e renunciar á manteiga pola bandeiriña do círculo de estrelas.

Comentarios