Opinión

Comparación do diferente

Galiza e o País Vasco posúen historia, conformación social e mapas políticos moi diferentes. E, porén, algo en común se pode trazar nestes dous países a partir dos resultados das súas máis recentes eleccións autonómicas.

En Galiza, o PPdeG asegurouse o control da Xunta grazas a que o PSdeG non conseguiu (outravolta) fidelizar unha parte considerable do seu electorado que, nas galegas, ou ben se abstén ou vota o PP. Esa aparente disfunción do PSdeG é, en cambio, moi funcional cando a observamos cos lentes de Madrid: por acción ou omisión, a delegación galega do PSOE actúa, do mesmo xeito que a casa matriz, como estabilizador de Borbonilandia, impedindo que haxa unha alternativa duradeira e autocentrada á dereita na nacionalidade histórica con menos transformación do nacionalismo prepolítico en nacionalismo político.

Do sucedido o domingo no País Vasco tamén se pode dicir que primou a continuidade: o PNV resiste (polos pelos) como forza máis votada e ese outro estabilizador de Borbonilandia chamado PSE, que dixo por activa e por pasiva que faría lehendakari a Pradales, bloquea non só o acceso de Bildu ao Goberno vasco, senón tamén toda idea de alternancia nese país. O resultado de Bildu foi espectacular e a cidadanía vasca sepultou de vez, a golpe de voto, a caterva de todólogos da Castellana (e ás súas ramificacións provinciais) empeñados en pintar os abertzales con rabo e cornos. Alegrámonos por iso como nos alegramos dos grandes resultados obtidos no seu momento polo nacionalismo galego.

A medida que Madrid se converte máis e máis nun chupóptero reaccionario –fagocitando ideolóxica, cultural e electoralmente a propia esquerda española–, máis se evidencia que só nas "periferias" (é dicir, só pensando en clave de soberanía "cos pés na terra") pode resistir unha esquerda digna dese nome con tecido social e porcentaxes de voto relevantes. Agora ben, unha cuestión falta por dilucidarse se non queremos que o partido estabilizador nos envolva de xeito fatal na súa estratexia de dobre xogo: como lidar co PSOE no Congreso dos Deputados cando sabemos que o seu desempeño como partido borbónico é máis eficaz que o da dereita ultramontana española? Seguro que os abertzales comezarán a facerse esta pregunta máis a miúdo agora que o destino do PNV e o PSOE está máis soldado. E outro tanto comeza a facer ERC perante un Illa que ameaza con sacar un bo resultado nas catalás e un Puigdemont que xoga a carta da ruptura.

Comentarios