Opinión

(Re)coñécese o sufrimento?

E mira que se nos pon a boca doce cando dicimos ou escoitamos o aquel de que querermos mediar na creación de espazos de vida, de diversidade e comunicación, e tamén de cores de peles diferentes, para construírmos unha sociedade de pobos libres, máis xusta e democrática. Que bonito se logo for certo. E canto antes mellor. Pero ao visto, nin o presente nin o futuro pintan así. Niso estamos procedendo de maneira deshumanizada, entre outras cousas, desfacéndonos dos problemas e ata das persoas, ben ao contrario do que se pregoa e así, na presenza do tráxico, faise difícil atopar convivencia e harmonía, tanto para os demais como para nós mesmos e daquela para cando a pregunta de como celebrar a vida?

Do antedito sacamos para cortar moita tea e fías para cosela, pero centrarémonos en dúas mostras terribles que van no asunto. Por unha parte Libia, pagado pola Unión Europea, mantén os refuxiados nun inferno de explotación, escravitude e mesmo trata de seres humanos. Pola outra Dinamarca, ese norte tan de marabilla, aproba unha lei que permite transferir (botar fóra) a solicitantes de asilo. Os Centros de acollida estarán fóra do país. Pásanos a un terceiro. A Ruanda, Eritrea ou Etiopía. Na casa non queren refuxiados. Velaí políticas egoístas, do lárgate, que aquí non, que poñen en solfa os dereitos humanos.

Tremendos racismos activados. Pobres naceres dos días para quen buscan un lugar (asilo). Trementos traxectos para quen se ven nelas. Quen tanto falan de xustiza e igualdade que fan? (Re)coñécese o sufrimento? Ten que rachar a pelexa do bombo?

Comentarios