Opinión

Días de luz

E cantos máis mellor. Así mesmo. Non valen os cantos de sereas e si os días baseados en desexos de alta gradación, avalados polo interese xeral, pois non todas e todos estamos no mesmo barco. E falan de que rememos na mesma dirección. Cal dirección? O que nos venden é pura ilusión.

Velaí que referido a días de luz, imos por abril. Un mes abondoso de motivacións republicanas. Velaí os nosos irmáns portugueses e como notamos o arrecendente da liberdade no valer dos “cravos”. A resistencia do pobo volta liberación. Velaí  os noventa anos da República Española que non foi federable (como así gustaría Daniel Castelao). Tampouco podemos esquecer a Comuna de París posta na bandeira vermella a pola consolidación dun novo imaxinario social, proclamando a democracia republicana. Aquela masa traballadora cabreada e concienciada, coas mulleres (as “ Petroleiras” e as “ Incendiarias”) en proa, si, en primeira liña, ao canto da Internacional. O poder sería do pobo. Velaí “os e as traballadoras como pensadoras”. Pero que terrible foi a vinganza da burguesía para con aquelas revolucións de dous meses. Que significada referencia para os posteriores movementos obreiros e populares, como así foi entre moitos para a revolución de Asturias, a de Catalunya e Aragón e, como non, o maio do 68. Pois como dixo Vítor Hugo “o cadáver está por terra, pero a idea vai de pé”.

E así arestora, na percura de días de luz, tamén corren aires republicanos soberanistas funcionais polas nacións deste Estado a proxectos de país que tratan de dar contidos vitais de dignidade aos seus pobos. Que camiñe a palabra.

Comentarios