Opinión

Ben facer sentido

Nin que dicir ten que á nosa memoria viva e democrática lle debemos moita atención. Ninguén dubida que ela activada aflorece as ruínas e devólveas á vida restauradas e transformadas. Coa vida no centro dáselle voz aos silenciados e préndense luces nas escuridades e nas dúbidas. Xa basta de tantos argumentos “patrioteiros”. As ficcións das verdades non valen. En tanta barbarie necesítase claridade. Claro que son precisas moitas forzas, pero darán enorme felicidade. Determinarán moita decencia democrática. Niso nada se pode dar por cancelado.

Buscar sempre. A pola verdade. E así contar. E así cantar. 

Por iso, na ambición de que as cousas serán distintas e collendo pulso, en Pontevedra, o cinco, e  benvida sexa, celebrarase a Gala da (nosa) Memoria. A letra e música para quen mantiveron os seus principios de liberdade e non renunciaron a eles. Eran (son) inocentes. Por iso, a contar e cantar, alí estarán referentes estudosos militantes, voces limpas, na nosa memoria democrática, pois a pasada (e non tanto) “ditadura da verdade”  foi afogadora. Non promoveu a limpa verdade nin motivou para nada buscala. O obrigado e ordenado foi o silencio de “todo o mundo conforme”. Canto recendo velaí a pólvora, a lardo e rancío, a auga bendicida, con bastante charol e correaxes. Que finas as súas peles e que duras as súas caras.

En Pontevedra haberá frescura. Verdade que se fala e canta. Aire novo da Galiza na memoria. E así celebrando, recoñecendo e restaurando, dando de beber a quen pase, irá o ben facer sentido desta Gala. Educándonos e educando. Que linda comunicación política. 

Comentarios