luns 01/03/21

As medidas

Hoxe en febreiro da Candeloria, día de luz, que boa falta nos fai, e mañá a unha hora máis por San Brais, avogoso da gorxa, que tamén hai que tela ben, pois os berros de fan moita falla, velaí temos os feitos e dicires do Goberno en Galicia por mor da pandemia que nos afecta, pois preguntando polas verdades, queremos saber, xa que de poses estéticas, acusacións e evasivas, de ofertas do paraíso do consumo, de pasar no bico dos pés polas cousas, de tanto e máis, estamos fartos. E agora polo das vacinas toca a de sufrir polas actitudes insolidarias de servidoras e servidores públicos. Actitudes que o son de pura traizón. Delitivas. Vaia imaxes de tan mal servir. Xente que non merece o cargo.

Os seus ceses debesen ser rotundos e automáticos. Por riba, nin sequera un propósito de emendar, nin un só arrepentimento. Todo son pobres desculpas. E pregoaban que adicaban as súas vidas aos intereses públicos. Canta listura. Velos aí como deixan tantos e tantas en dúbida. Pouca credibilidade queda. Canto queda ao descuberto. Nesta pandemia de tanto mal e padecer (e o que virá) este Goberno de Galicia non tomou (nin toma) responsablemente nas súas mans, nin a nosa saúde nin as nosas vidas. Quedan liderados limpos? Os feitos póñennos nas desilusións vendo maldades e incompetencias.

E agora o señor Feijoo pide que entendamos as medidas que propón para saírmos e superarmos esta onda. Pero aí está a “fatiga pandémica” que nos mete de cheo na “onda da saúde mental”. E logo virán os fondos europeos e que pasará cando se xestionen? Para cando o desencanto deste circo? O caos non pode ser o definitorio.

comentarios