Opinión

Algo se move no Irán

Non todo é o que parece. Tamén no Irán. As eleicións presidenciais celebradas na antiga Persia na pasada sexta feira afortalaron a vella garda revolucionaria, teocrática e despótica, e abriron camiño para o relevo do actual Líder Supremo, Ali Khamenei. En clave interna do réxime, a batalla entre as forzas aperturistas, representadas por Abdolnaser Hemmati, ex gobernador do Banco Central, que pretendían dar continuidade ás tímidas reformas levadas a termo polo presidente saínte Hassan Rouhani, e a ortodoxia ultraconservadora, saldouse coa previsíbel vitoria desta última e a proclamación de Ebrahim Raisi como novo presidente electo con 62% dos votos emitidos. 

Porén, pola primeira vez desde a Revolución de 1979, o boicot interno promovido polas forzas opositoras ao réxime conseguiu que os non-eleitores (abstención e votos nulos) superasen os eleitores. Como resultado, votaron apenas 28’9 millóns dos máis de 59 millóns con direito ao sufraxio, unha participación de 48,7%, 42’5% se tivermos en conta os votos inválidos. En comparación, a participación nas tres eleicións presidencias precedentes foi de máis de 70%. Así pois, unha contundente vitoria da oposición democrática e popular, apesar dos esforzos oficiais por evitala, mesmo através da fatwa lanzada por Khamenei, que acusou de infieis aos que promovesen e exercesen a abstención e o voto nulo.

Probabelmente, o sector máis integrista do réxime, que no seu momento patrocinou Rouhani, non quixo permitir que unha posíbel volta ás conversas para reviver o acordo nuclear coas potencias occidentais, e conseguinte levantamento das terríbeis sancións e bloqueo económico, fose capitalizada polo sector máis aperturista. Máis aínda, este estivo moi centrado nesas conversas e descoidou o deterioro social e económico que se lle estaba a inflixir ao pobo iraniano, como se detectou agora nas urnas, que tamén non ofrecían unha alternativa real á facción máis conservadora. Pola conta que lle ten, a esta non lle queda máis remedio que procurar o acordo e o levantamento das sancións, única maneira de impedir que a clara desafección expresada nas votacións faga abalar os alicerces do réxime. Porque, ademais, apesar de toda a represión e negación dos direitos civís e democráticos, unha nova xeración de xoves, formada e organizada na clandestinidade, empurra con forza, cun grande protagonismo das tamén proscritas asociacións de mulleres iranianas.

Comentarios