Opinión

Madia Leva

A expresión é recorrente nas conversas destas mulleres durante os traballos e nos momentos de descanso na solaina. Son avoas, fillas e netas que comparten saberes e confidencias. Elas non dan puntada sen fío; debullan , nos seus relatos, historias duras de vidas truncadas polo abuso, de violencias cotiás perpetradas por homes con nomes e apelidos, para que o seu crime non fique esquecido. Tamén son historias que manteñen viva a memoria desoutras mulleres que se arrepuxeron e tomaron pola man unha xustiza que un sistema rexido por homes lles negaba. A historiadora Ana Cabana ten descrito como as mulleres do rural galego teceron redes de apoio e desenvolveron tácticas de resistencia en contextos de forte represión, como foi a ditadura de Franco. Aínda que non o conten os manuais de historia da ESO, elas chegaron a encabezar levantamentos contra medidas que ameazaban acabar co seu modo de vida e mantiveron vivos en cantares e ditos a guerrilleiros e outras heroínas antisistema.

Fronte ao tópico das mulleres enfrontadas entre si, están a abrollar relatos que reivindican a sororidade como a tónica nas relacións entre as mulleres do rural. Mulleres cun papel activo malia a súa posición dobremente subalterna, como labregas e como mulleres. Así son as protagonistas desta novela gráfica indispensábel de Ana Moreiras. Exclaman “Madia leva!”, mentres lavan as tripas nun regato de augas xélidas no lugar de Miraz. Unha expresión que suxire sorpresa, aínda que pouco hai que poida sorprender xa a estas mulleres nesta vida. A autora e editora desta novela gráfica indispensábel trasládanos o legado oral das mulleres coas que se criou, e coa delas reivindica a memoria negada de tantas mulleres que non calaron, aínda que nos contaran o contrario. Como, se non, habíamos ser tantas a xuntar os nosos berros en Verín? Madia leva!

Comentarios