Opinión

Pechados nunha urna

Hai moitos meses que vivimos pechados nunha urna. Sabémolo dende hai tempo, cando o cruce de críticas entre partidos políticos se converteu nunha fonte de lama que salpica as catro paredes de metacrilato, con nós dentro. Acabamos de votar nos concellos e quedamos coa sensación de que só miran para nós para medir, como un termómetro, que tal lles irá nas eleccións no corazón do Estado. E aquí estamos de novo, nun poliedro manchado, cabalgando cara a unhas xerais nas que ata o líder da oposición se atreve a dicir que lle convocan as eleccións a el, que se presenta, e non a nós, a quen chaman a votar.

En Galicia, como tamén en Euskadi, os resultados nas municipais amosaron ser a excepción nun taboleiro estatal onde os partidos xogan a un xogo enlamado pola extrema dereita. A famosa batalla do dato e o relato hai tempo que se corrompeu por un veleno que iguala a extrema dereita e a extrema esquerda, o machismo e o feminismo e moitas outras comparacións perversas que semellan converternos a todas, de súpeto, en fascistas. Fascistas as feministas. Fascistas as activistas pola vivenda. Fascistas as defensoras dos territorios e a linguas minorizadas. Fascistas as que avogan polo amor propio e a saúde mental. Fascistas e hippies.

Ás portas do que a todas luces se percibe como un naufraxio electoral, hai quen dende a súa palestra lanza desapiadadas críticas á esquerda por non ser, a fin de contas, máis conservadora. E tamén a eses partidos "á esquerda da esquerda" que son, baixo tal xuízo, un erro, unha mácula, unha manchea de votos insolentes que van para o lixo.
Dende sectores da propia esquerda hai persoas capaces de botarlle a culpa á Lei Trans, á Lei do Si é Si, ás campañas a favor do aborto ou á baixa por menstruación dos avances da ultradereita, antes de sinalar a todos aqueles que dan cabida dende hai tantos anos aos discursos de odio nos espazos informativos e de entretemento.

Mentres observo os vidros enlodados desta urna sen fin e paso lista mentalmente dos moitos erros da esquerda, boto en falta máis masa crítica cara a esa dereita que abraza a antidemocracia e xa albisca pactos con quen negan a violencia de xénero, a igualdade e a inclusión, prefiren o empregado ao traballador e os veleiros ás candorcas. Cos que viven pechados a perpetuidade nunha urna ideolóxica e, eles si, son conservadores abondo na opinión das palestras e os faladoiros.

Comentarios