Opinión

Mentres Madrid

Mentres onte votaba Madrid, a atención primaria en Galicia recibía un novo desprezo do Sergas. A presencialidade deberá estar garantida no 60% das consultas e as citas deberán ter lugar nun prazo máximo de catro días dende que se piden. A medida, bonita de cara á galería, agocha unha realidade que as profesionais de familia levan aturando dende antes da pandemia. E repercutirá no seu soldo, para mal. 

Din que a maioría das consultas na atención primaria son telefónicas. O que non din é que as profesionais pasan consulta presencial e por teléfono no tempo que antes investían directamente coas doentes. E un pouco máis. Non mencionan que o persoal prefire a presencialidade, pero pide máis medios para poder asumir a carga de traballo, que o obriga a minutar a cada paciente. O executivo galego anuncia medidas para a primaria sen contar coa primaria, e así continúa sen aportar solucións ao colectivo. O mesmo que serviu de muro de contención da saturación dos hospitais nos meses máis duros do coronavirus, entrando ata nos domicilios das persoas contaxiadas.

Mentres votaba Madrid, as galegas enterábanse de que o Goberno galego vai pagar aos bancos para que instalen caixeiros no rural, o mesmo que foron abandonando a medida que as caixas desaparecían para se converter en xigantes urbanitas. O mesmo no que tantas persoas maiores xa non poden nin soñar con que as atenda unha persoa cando precisan facer unha xestión bancaria. 

Pero que non cunda o pánico porque en Madrid, tal como corroboran ata nos faladoiros máis progresistas da capital, anda a cousa moito peor.

Comentarios