Opinión

Existimos

As eleccións son un dereito democrático dende moito antes de que aos homes lles permitisen votar (ás mulleres, como saben, tocounos máis tarde), nese vicio tan enquistado de non recoñecer dereitos fundamentais ata que alguén a monta como é debido. Mais, xunto coas eleccións, a información que chega á sociedade debería ser un dereito e unha obriga dos medios de comunicación, na súa vocación de servizo público.

Dende hai semanas somos testemuñas da campaña electoral para as eleccións na Comunidade de Madrid. Uns comicios cuxa cobertura, en todos os medios estatais, está a ser moi criticada por destapar un vergoñento agravio comparativo cando reparamos na nula difusión da política de calquera territorio que non sexa Madrid. Ou Catalunya, por outros motivos.

Un gallamouto moi estendido estes días amplifica o argumento “a min que me importa o que pasa en Madrid”, unha protesta entendible polo que pode chegar a cabrear que o mass media non che faga nin mísero caso agás por Franco, os live-memes de Rajoy ou as escapadas do emérito a Sanxenxo. Pero a min si me importa o que pasa en Madrid. Impórtame como me importa Teruel dende que Tomás Guitarte conseguiu aparecer en La Sexta proclamando que Teruel existe.

Como todos os territorios dende que vexo os dereitos democráticos da periferia da capital reducidos á mínima expresión por unha cobertura de portas cara a dentro coa que semella que temos abondo, coas moitas persoas moi informadas por medios moi subvencionados. Malia ese pequeno dereito democrático que non temos, eu só quería dicir que existimos.

Comentarios