Opinión

Os ollos fríos de Luís Pimentel

O verao

Os brancos cabalos do estío

polas portas en sombra

das nosas murallas entran.

Nas tenras rosas dos meus altares,

           a néboa dos ríos.

Grito en punta, diamante,

           vencellos negros cortan o ceo terso.

Dareiche a miña alegre bandeira

para a torre da miña praza.

Tépeda prata e ouro fresco

nos brazos e nos ombros.

A luz e maila sombra

dos seos tremelantes.

Sobre o río a tarde descende.

Naquela orela un misterio.

¡Que luz pra un cadro

          antigo!


Cronobiografía de Luís Pimentel

1885. Nace o 18 de Nadal na cidade de Lugo nunha familia acomodada. O seu pai falece cando ten 13 anos e nove anos despois a súa nai, Consuelo Fernández, casa co doutor Germán Alonso. Estuda no Instituto de Lugo e por ese tempo comeza a escribir poemas.

1914. Trasládase a  Compostela para estudar Medicina. A cidade deixa unha pegada monumental na sensibilidade do poeta novo. Corenta anos despois, escríbelle a Ramón Piñeiro: «Hace mucho que lucho para dar en un poema la sensación de Galicia y de Compostela que tengo metida en el alma».

Cumpre o servizo militar en Lugo. Interesado na música e a pintura, toma clases co pintor Corredoyra e frecuenta o Círculo das Artes.

1922. Cursa estudos de doutoramento en Madrid onde participa nas actividades da Residencia de Estudiantes coincidindo con Lorca, Dalí, Buñuel, Gerardo Diego e Dámaso Alonso. Os dous últimos, valedores dos versos de Pimentel en castelán, xunto co tamén poeta Vicente Aleixandre, non tiveron suficiente forza para acadar a súa publicación.

1924. Na primavera aparece o primeiro número da Revista de Arte Ronsel, unha aposta de Evaristo Correa-Calderón e Álvaro Cebreiro. Cumpríase un ano do lanzamento da Revista de Occidente. A nómina de redactores de Ronsel, entre os que asinaba Luís V. Fernández Pimentel, desexaban «ofrecer unha mostra da cultura latina desde Lugo». A revista, como apunta Basilio Losada, nace sen vocación de fractura: «Hai pola contra en Ronsel, unha vontade de integración sen ruptura, unha vontade de equilibrio, como si xa, nunha data tan temprán, tiveran asimilado todos os estouros das vangardas e albiscaran coma tarefa urxente facer balance do que aquel caos fecundo dos movementos de preguerra deixara disposto para entrar nas antoloxía e nos museus.». A coidada revista tira seis números nos que colaboran Ramón Gómez de la Serna, Teixeira de Pascoais, Noriega Varela, Manuel Antonio, Ánxel Xohán e Castelao, entre outros.

No número VI de outubro-novembro Pimentel publica o poema «Amencer».

Cincuenta anos despois publican o número VII, un extraordinario na colección Resgate das Edicións Sotelo Blanco que reedita e revisita os contidos dos números antigos.

En 1985 nace o colectivo Ronselz que propón unha parodia irreverente do canon literario e elixe coma referencia o título da antiga revista.

1930. Casa con Pilar Cayón en Mondoñedo e un ano despois nace a súa filla Rula. Colabora con revistas literarias e comeza a exercer coma médico internista na clínica familiar Alonso-Pimentel.

1936. O terror da Guerra Civil fractura a vida. A tendencia nerviosa de Luis Pimentel prende nunha fenda irresoluble, escoita continuos fusilamentos no cuartel preto da súa casa. Dez anos despois escribe Cunetas, obra póstuma coma a maior parte da obra do poeta. Semellante destino ten Barco sin luces, proxectada para súa edición na compostelán imprenta Nós, o volume fica paralizado polo asasinato do seu editor, o alcalde de Santiago Ánxel Casal.

1944. Nomeado médico do Concello de Lugo. Frecuenta os faladoiros do Hotel Méndez Nuñez, un dos centros da vida cultural da cidade na posguerra. O poeta, home delicado, benquerido por moitos amigos, entre os que se atopan: Ánxel Fole, Antonio Figueroa, Álvaro Gil, Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, e poetas mozos como Manuel María e Uxío Novoneyra que lle escribe unha fermosa elexía: «A túa morte deixoume núo. / Coa túa perda sinto todo o que hei de perder. / A túa imaxe está diante de min, no espacio que a dor envisa. / Laia a curuxa i eu velo.»

1950. Publica Triscos, unha breve serie poética na colección pontevedresa Benito Soto.

1958. Falece o 13 de febreiro en Lugo no número 16 da Praza Maior (hoxe Praza de España) onde nacera facía 63 anos. A Editorial Galaxia publica un ano despois Sombra do aire na herba, que contén o poema «Verao» e un poema cunha declaración: A poesía é a cousa máis fermosa do mundo! e un verso que permanecen: O poeta é un mestre sen ira.

Comentarios