A cabalgata militar

A cultura ábrese paso entre as tebras, debeu pensar Abel Caballero. Até na Galiza, que falta fai, que hai moito atraso. Por esa razón Vigo asume o seu liderado como cidade española do saber e da ilustración. Non todo vai ser Nadal. Porque por moito que se dilate, é difícil que o Nadal comece en maio, cavilou o erudito alcalde. Daquela, en maio de 2026 Vigo terá a inmensa fortuna de poder contemplar en directo o andar apresurado –intentando acompasar os 124 pasos por minuto– dunha cabra, en ocasións tamén carneiro ou año, abrindo paso ao destacamento da Lexión, corpo militar fundado por Millán Astray, falanxista e golpista, autor desa famosa declaración de tan enorme fondura intelectual: "Viva la muerte, y muera la inteligencia. Viva España".

E virán tamén os "Regulares de Melilla", participantes tamén en masacres no período 1936-39, así como na División Azul. Por certo, chama a atención esa denominación: regulares = mediocres? Dúbida razoábel. Mais sigamos. Tamén desfilarán "Gastadores" –nova dúbida: dilapidadores uniformados?–, desfile aéreo e naval, Garda Real e, por suposto, a Garda Civil, de tan eficaz traballo na Galiza, como amosan os centos de asasinatos perpetrados por este corpo. Tamén virá a UME, que nos quere, que desenvolve responsabilidades civís aínda que non lle corresponden ao exército, para o branquear, e simular benevolencia: apagan lumes e salvan vidas. Que boa xente!

Poderíamos rir se todo isto non fixese parte dun drama. O mundo está mal. Xenocidios, guerras, destrución, fame, miseria. Con risco de máis guerra e destrución. O amo ianqui manda e o presidente español obedece. Máis OTAN e máis orzamento militarista. Máis lume. Que aumente a idade de xubilación para aforrar en pensións, que así non dá. Porque os cartos dos impostos das clases traballadoras deben ir para o verdadeiramente importante: adquirir cazabombardeiros Eurofighter, mísiles de cruceiro Taurus e novos submarinos S-80. Esa é a auténtica prioridade. E viva España.

Non nos enganemos. Escolleron Vigo por ser Galiza e ter esa cidade un alcalde acomplexado que lles permite esa operación. Porque hai que españolizar como sexa. Alá eles. Que estean atentos ás protestas, porque tamén as haberá. Neste pobo sabemos moito diso. E tamén da defensa da paz e da liberdade.

PS: Fóisenos Raúl. O noso Raúl Lago, do Condado. Tipo excepcional, coherente e entregado ao seu pobo. O mesmo que mantivo viva, con Maquieira e poucos máis, a alternativa nacionalista en Salceda de Caselas e no Condado, nos peores momentos. Houbo quen desertou. El non. Non era dos que se vendían. E seguía sachando, cada día, mesmo na Caniza. Fóisenos antes de tempo, con 47 anos, e case sen avisar. Mais seica aquí, neste país, a morte non separa da vida. Ou non completamente. Dicíao hai uns días Rafa Quintía neste mesmo xornal: nestas datas de defuntos os vivos van onde os mortos e os mortos veñen cara aos vivos. Acredito niso. E mentres así sexa, mentres o lembremos, Raúl con nós no seu monte Aloia.

Comentarios