mércores 27.05.2020

Neste tempo electoral: o trunfo das ecuacións simples

A combinación dunha fonda crise económica por problemas de sobreacumulación do capital e da lexislatura máis destrutiva para Galiza desde que existe o estado autonómico, fai que as vindeiras eleccións do 21 de outubro se perciban cunha tremenda tristura e cuns obxectivos de mera supervivencia do propio.

A combinación dunha fonda crise económica por problemas de sobreacumulación do capital e da lexislatura máis destrutiva para Galiza desde que existe o estado autonómico, fai que as vindeiras eleccións do 21 de outubro se perciban cunha tremenda tristura e cuns obxectivos de mera supervivencia do propio. Non estamos nos tempos ledos de adicar boa parte do esforzo a construír políticas imaxinativas que melloren a calidade de vida, de adoptar medidas tendentes a culminar procesos de igualdade (territorial, social, de xénero, etc.) ou de aportar novas fórmulas de articulación institucional das localidades e das nazóns, agora trátase fundamentalmente de saír desta. De evitar, por unha banda, que a forte ofensiva do capital que provocou a crise (dos mercados, como se adoita dicir) sobre unha maioría de traballadores e desempregados, se traduza nun continuo e intenso deterioro do nivel de vida. Tamén de que o proceso sistemático de derrube dos elementos propios da nazón galega se freen. A partir de aquí, haberá que pensar en novas políticas de saída xusta e identitaria deste período de fondas dificultades.

No contexto pouco animado que vimos de describir, caben dous posibles resultados da consulta electoral do 21-O. O primeiro, o evidente, o que os grandes poderes económicos e mediáticos forzaron no 2009, tentando que boa parte do voto nacionalista e de esquerdas non se exercese, procura situar de novo ao PP de Núñez Feijóo ao fronte da Xunta. Xa dixeron que sería un balón de osixeno para as políticas antisociais do executivo de Rajoy en Madrid, que agora irá polas pensións e rematará por solucionar a cuestión das preferentes. De paso, máis ataques ao galego e aos restos de autonomía política que aínda nos queda. O segundo, un trunfo das restantes forzas (que serán o BNG e o PSOE, coa posibilidade esporádica dalgún deputado distinto), para conformar un goberno baixo unhas bases programáticas de resistencia. Non hai outra. O nacionalismo e o voto ás forzas fora do sistema (PP e PSOE) vai medrar. Pero quedará aínda lonxe de seren hexemónico. Por iso, cómpre facer unha primeira ecuación simple: parar ao PP para que non continúe coas súas políticas de derrube como até agora. Non é que un pacto co PSOE sexa a mellor solución, pero é a posible, e da intelixencia en negociar o acordo de goberno e dos mínimos polos que pasar (como ten insistido Jorquera) dependerán uns sólidos alicerces dunha nova coalición de goberno para Galiza.

Desde os anos 1930 trátase de sumar forzas para derrotar á dereita. Xe se fixo no 1931 e en febreiro do 1936 co Frente Popular, faise nos concellos, nas deputacións e noutros moitos organismos. De momento, non cabe outra. Agora, trátase de ver unha nova ecuación, ou dúas: tanto o BNG como o PSOE deben mostrarse unidos internamente e facer un esforzo enorme por atraer á cidadanía (hoxe desencantada e desorientada, en boa medida). Para o PSOE, unha forza máis de deseño, de orde poderiamos decir, a escenificación do reencontro de Pachi Vázquez con José Blanco, Juan Caamaño e Abel Caballero, unido a unha autonomía provincial á hora de elaboraren as listas pode chegar. Se logo Pachi Vázquez non funciona pode derrocarse, cun golpe pacego ou simplemente ratificarse nun novo pacto orgánico polo poder. O candidato dificilmente poderá aspirar a ter a capacidade de decisión que acadou E. Pérez Touriño hai anos, pero o PSOE necesita outro exemplo (xunto a Andalucía) de que unhas tímidas políticas socialdemócratas (ou socialiberais) son posibles a día de hoxe para confrontar co PP. E do lado do BNG a ecuación debe ser máis sincera. Despois da experiencia de Amio, das traumáticas escisións que aconteceron, cómpre facer listas de integración das distintas sensibilidades da frente e colocar en postos visibles ás persoas que mellor expresan o novo senso unitario do actual BNG. A unidade non pode discutirse, só cómpre escenificala do mellor xeito posible. Un BNG cunha democracia interna exemplar, debe transmitir ao exterior que se continúa situando como o gran referente do nacionalismo e da esquerda diversa para Galicia, dirixíndose por suposto a sectores galeguistas ou moderados moi afectados pola fonda crise económica actual. Unha unidade feita da base e que sexa sustentable cara ao futuro, algo que a día de hoxe outras alternativas como Anova-IU non semellan garantir máis alá do acto de constitución do novo Parlamento no Hórreo.

Polo tanto, a eficiencia do PSOE e sobretodo do BNG ao presentarse diante da cidadanía van ser claves para construir unha alternativa ao PP e ao goberno de Feijóo, que non o esquezamos están en condicións de seren derrotados. As dúas forzas deben ilusionar, recuperar votantes desencantados, ou seducidos por propostas de renovación de persoaxes como Beixas e partidos como o PCE. A partir de aquí, a disciplina monetaria da raquítica autonomía de Galicia deberá ser obrigatoria e exemplos do mesmo témolo en gobernos hexemonizados polo nacionalismo como o de Pontevedra. Co diñeiro disponible, os servizos públicos, as melloras na calidade de vida das persoas (dependencia, garderías, axudas ao material escolar, etc.) serán o eixo dunha actuación que, non cabe dúbida, terá que centrarse na revitalización do tecido produtivo do país. Sen crecemento económico non hai autogoberno satisfactorio e, por iso, Galiza terá que apostar por sectores clave (o téxtil, a construción naval, a mecánica, a xeración de enerxía, o sector agroalimentario, o turismo sustentable) para impulsar o crecemento económico e o emprego. Hai que crer e por en valor as forzas propias, facilitar o crédito con instrumentos financeiros autónomos e seguir os efectos das políticas de estímulo, que serán o principal eixo de actuación dun novo goberno urxido por saíren da crise. Unha saída de crise desde Galiza, que constituirá o paso necesario para afondar nas políticas de igualdade, de reequilibrio territorial e de corrección das escandalosas taxas de ganancia que aínda exhiben os mercados de capital.

Neste tempo electoral: o trunfo das ecuacións simples
comentarios