Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral V. Territorios

O territorio debe entenderse como un espazo construído polos seres humanos a partir das características do medio físico natural. Polo tanto, é preciso para o desenvolvemento das colectividades e conteñen persoas, recursos, necesidades, posibilidades. Co nacemento dos estados, o territorio comezou a ser un espazo delimitado por fronteiras e que acollía a unha nación.

O territorio debe entenderse como un espazo construído polos seres humanos a partir das características do medio físico natural. Polo tanto, é preciso para o desenvolvemento das colectividades e conteñen persoas, recursos, necesidades, posibilidades. Co nacemento dos estados, o territorio comezou a ser un espazo delimitado por fronteiras e que acollía a unha nación. Aos seus contidos mencionados, o territorio engadiu un máis que se fixo preponderante: as formas de organización.

Nos comezos da época moderna a Xeografía abordaba a cuestión do territorio dende a cartografía e as preocupacións basicamente consistían en trazar fronteiras e describir os recursos naturais de cada territorio.Porén, a finais do século XIX o territorio (así entendido) era un concepto insuficiente para o coñecemento de riquezas e das colonias, xa que o comercio e a industria propios do capitalismo esixían máis e mellores datos. A rexión, que era un concepto procedente da época do Imperio Romano, permitiu relacionar o entorno natural coa acción dos seres humanos. Por iso, as nacións deixaron de ser un territorio e pasaron a ser un mosaico de rexións. A rexionalización serviu aos administradores para intervir nos territorios “procurando axudar” (sendo optimistas ou benevolentes) no desenvolvemento ao deseñar políticas específicas para cada territorio. Este paradigma económico (o desenvolvemento) que podemos rastrexar no postfordismo (a idea do progreso continuo da humanidade levada ao capitalismo) entendeu a rexión como un territorio dentro do estado no que cómpre se leve a cabo “o progreso” e “o desenrolo”.

As rexións, polo tanto e dende unha perspectiva do capitalismo, son territorios nos que a relación entre os seres humanos e a súa contorna deben rexerse polos procesos de acumulación de capital.

Chegados a este punto penso que debemos cavilar no capitalismo coma unha distopía[1].

En primeiro lugar, a dita distopía está caracterizada por un concepto de territorio focalizado no binomio rexión /estado. Un poder central planifica nas periferias un progreso (presuntamente) infinito.

En segundo lugar, o habitantes do territorio poderán acadar un benestar (en educación, sanidade, políticas sociais…) artelladas polo estado “ao tempo” que se xera a riqueza. A distopía afirmaría que a creación de riqueza vénacompañada dun xeito automático dun incremento no benestar.

En terceiro lugar, existiría un “pacto implícito” entre as rexións de xeito que o beneficio dunha é tamén o beneficio de todas dun xeito semellante a afirmación sobre o mercado: todo se autorregula. A distopía prescinde da rexión en canto territorio recoñecendo unicamente cidadáns e, polo tanto, dado que a igualdade entre os territorios dunha nación é un a priori, só cabe falar de igualdade entre cidadáns.

Neste territorio capitalista que é Galiza podemos escoitar discursos que, dun xeito clarividente, amosan o carácter distópico do problema:

-“Se pechan o colexio será o final da aldea” (frase repetidas en numerosas ocasións por unha moi aprezada mestra de escola), que proxectada a 20 anos sobre Ourense ou Lugo podería ser“se pechan o colexio será o final da provincia”

-“Ourense e Lugo levan camiño de se converter nun xeriátrico xigante” (apreciación que xurdiu nunha viaxe en tren na que a paisaxe rural engadía, sistematicamente, unha residencia de anciánsda Fundación San Rosendo).

-“Os políticos pasaron de prometer aos veciños construír unha pista, poñer un punto de luz ou un banco para sentarse a facer infraestruturas” (conversa escoitada nunha taberna e que denota un delirio planificador no territorio).

-“Feijoo di que se parece ao Fraga. O vello tiña unha idea clara do territorio: a rúa é miña. O chaval, tamén: un parque temático” (frase pillada por sorpresa a unha parada de longa duración).

 Consellos de supervivencia

Pola contra, sobre todo dentro do falar habitual do Partido Popular, é frecuente escoitar a distopía mesma

-España é o meu pai e Galiza é a miña nai. Cómpre retrucar, por exemplo: E os avós están en Suíza.

-Ser galego é o meu xeito de ser español: Considere a posibilidade de preguntar cal é o seu xeito de ser miope.

-Galiza é España dende fai cincocentos anos: Rememore aquel marabilloso programa titulado “300 millones” e sinta o espírito e o optimismo de presentadores como Kiko Legard, Pepe Domingo Castaño ou Alfredo Amestoy.

-“España non está para mamalicadas nin para perseguir quimeras”. A réplica é ben fácil: Galiza, tampouco.


[1] Utopía perversa onde a realidade transcorre en termos opostos a unha sociedade ideal.

 

Comentarios