Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral II: Elixir

 Elixir Argumentacións aparentemente grandes: Desde Cinosargo e con atención asisto ás primeiras verbas de Núñez Feijoo respecto as próximas eleccións autonómicas. Afirma que hai que escoller entre un goberno estable ou un goberno bipartito (ou, burlón no ton, di que ao mellor tripartito).

 Elixir

Argumentacións aparentemente grandes: Desde Cinosargo e con atención asisto ás primeiras verbas de Núñez Feijoo respecto as próximas eleccións autonómicas. Afirma que hai que escoller entre un goberno estable ou un goberno bipartito (ou, burlón no ton, di que ao mellor tripartito). Semella que esta será a grande argumentación do Partido Popular durante todas as eleccións.

Diferenzas: Elixir supón establecer unha diferenza na realidade ata conformar (polo menos) dous tipos de ser. No caso que nos ocupa, está Feijoo e o resto. Esta diferenza é algo creado tanto por aquel que desexa ser elixido como polos electores e iso, a súa vez, crea outras diferenzas. Haberá xente que afirme que a elección é entre fachendosos e lacazáns, entre altos e baixos, entre esquerdas e dereitas, entre honrados e menesterosos. Ao final, estas diferenzas conflúen nunha dualidade: nós ou eles. Vistas así as cousas haberá un submundo en Galiza conformado polos “estables” confrontado a un submundo dos “partidos” que eu, por exemplo, podería renomear entre os “latifundistas” e os “minifundistas” e (nun ton burlón, dicir que hai xente que vai ir as eleccións sen ter feita a concentración parcelaria). 

O ser-no-mundo: Porén, o meu cinismo non está o servizo da propaganda electoral de ghichos tan “jacarandosos” como Alfonso Rueda a quen fixo lle parecería ben a babecada da concentración parcelaria. Debo recoñecer a aquelesoutros que procuraron a verdade dende unha perspectiva diferente á miña. Se elixir é crear diferenzas e crear diferenzas formula o ser, entón debemos ter claro que as opcións electorais son seres, ou sexa, xeitos de estaren no mundo. Dende o existencialismo semella que existe un certo consenso filosófico (e mira que iso é difícil) en sinalar que todo ser é un ser-para.

Por iso, elixir é decidir pero tamén coñecer que clase de ser é Núñez Feijoo e o resto de candidatos. O candidato do PP xa o dixo: son un ser para ser estable. Unha fermosísima definición dun crónico.

Será por iso que a crise xa dura de máis?