Opinión

Máis unha vez Don Ramón volve a Lugo

Máis unha vez Don Ramón volve a Lugo e acompáñanos hoxe nesta casa que foi deseñada por quen foi o seu amigo e irmán alén do sangue o Don Manuel Gómez Roman con que partillou militancia naquel nacionalismo das Irmandades, da República e do antifranquismo.

Máis unha vez Don Ramón volve a Lugo e acompáñanos hoxe nesta casa que foi deseñada por quen foi o seu amigo e irmán alén do sangue o Don Manuel Gómez Roman con que partillou militancia naquel nacionalismo das Irmandades, da República e do antifranquismo. Unha casa o Museo Provincial, que tivo nos seus correlixionarios, nos irmáns Fernández e no Álvaro Xil aos seus grandes benefactores e que sen dúbida algunha e xunto a GALAXIA a máis grande empresa cultural do que foi aquel galeguismo resistente do que Otero fixo parte.

Máis unha vez Don Ramón en Lugo, como naqueles días infantís onde pasou xornadas de vacacións nas terras de Chantada, que eran as nativas da súa familia paterna. Don Ramón en Lugo, como naquelas xornadas memorábeis e xa para sempre inesquecíbeis de Novembro de 1918, onde a escasos metros de aquí, no Hotel Méndez Núñez, estampou sinatura no que coñecemos e non esquencemos como Manifesto Nacionalista. O Manifesto de Lugo, onde o bo de Solovio, xa é un de nos.

Máis unha vez Don Ramón en Lugo, canda Risco é o bo de Ben-Cho-Shey, naqueles pelegrinaxes, desde Ourense camiño de Santo André, a percorrer a Ribeira Sacra, as terras da Ulloa con parada en Monterroso, onde o home da Bocarribeira gabou o xamón, a seguir por Lugo, a cidade amurallada como lle gustaba chamar Víctor Casas a este recuncho de Galiza e a continuar pola Terra Cha para reparar naquel quiosque de música en Outeiro, que tanto desgustou ao de Trasalba e do que tanto parolou co Manuel María.

" Foi quen de facer chorar a Galiza emigrante sinalando o punto exacto onde naceran aqueles que non sairán do seu sitio máis que para cruzar o mar e que xa non volverían"

Máis unha vez Don Ramón en Lugo, outra vez na Deputación, como naquela magna homenaxe que se lle tributou a Castelao nesta cidade en 1933 e que tivo o seu acto central no edificio de San Marcos e nun posterior xantar no que o seu compañeiro de bancada parlamentaria en Madrid, este noso Don Ramón, tomou a palabra para denunciar os agravios da prensa madrileña a Galiza, o racismo contra de nos por aquel bunquer ou progresía dos anos 30 e por suposto os insultos ao de Rianxo que motivaron o acto.

Máis unha vez Don Ramón en Lugo, que xa non é o Ulster galego como anotaba Bóveda nos seus diarios da Secretaría Xeral do Partido, para acompañarnos nesta xornada na que homenaxeamos a Basilio Losada, o filólogo de Lancara, o traductor ao español de boa parte dos autores do corpo lingüístico galego -portugués, comezado por Rosalía e continuando por Saramago, que non Sara Amago, ou por Jorge Amado, o estudoso da nosa literatura e do noso mundo da creación, o amigo/especialista da idade media, aquel período no que Galiza actuou coma un reino de seu, exercendo a primacía no contexto ibérico.

Máis unha vez Don Ramón en Lugo, para participar dunha homenaxe que no nome de Basilio Losada facemos extensíbel a todos e a todas cantos fan cultura galega alén as fronteiras na nosa nación, e que neste caso concreto ten os Paisos Cataláns como centro de operacións. Basilio Losada, autentico embaixador de Galiza en Cataluña, esa Cataluña tan amada polo de Trasalba, esa Cataluña que o de Trasalba visitou en repetidas ocasións e que chorou no Libro dos Amigos na figura de Carrasco i Formiguera, esa Cataluña amiga nosa, onde Galiza ten o seu faro na persoa do noso homenaxeado.

"Foi é un mestre, un home que adicou a súa longa vida a aprender e transmitir coñecemento, e por suposto un xigante da galeguidade , ou se quere doutro xeito un patriota".

 Adoitaba a afirmar Otero Pedraio, referíndose a súa xeración, que a mesma tivo que facer de todo porque todo estaba por facer. E é certo Don Ramón fixo de todo porque todo estaba por facer. Porén é isto é unha escolla persoal, Don Ramón foi é para min o meirande xeógrafo, xunto a Fontán que deu o noso País, foi é un mestre, un home que adicou a súa longa vida a aprender e transmitir coñecemento, e por suposto un xigante da galeguidade , ou se quere doutro xeito un patriota.

E esta hoxe con nos o xeógrafo que percorreu Galiza dunha punta a outra, que sabía deste ou daquel lugar, desa ou daquela parroquia, destas ou destoutras terras até o punto de poder describir cada recuncho do País como se acabase de chegar del. E está con nos o xeógrafo que cruzou ultramar co mapa de Fontán baixo o brazo e foi quen de facer chorar a Galiza emigrante sinalando o punto exacto onde naceran aqueles que non sairán do seu sitio máis que para cruzar o mar e que xa non volverían. E está con nos o xeógrafo que elaborou unha “Guía de Galiza” aínda non superada, unha guía feita parroquia a parroquia, co mesmo estilo de traballo isto é man a man, arte ou artesanía co que facían catedrais e mosteiros os nosos canteiros do románico ou do barroco. E está con nos o xeógrafo que aprobou a súa cátedra de Universidade chegado aos sesenta anos e que foi quen de falarlle ao tribunal durante máis de oito oras duns Alpes que so coñecía polos libros pero que retratou como se tiveran ao pe do Trasalba. Aprendemos do Don Ramón xeógrafo que Galiza organizase en lugares, que conforman parroquias, en parroquias que se xuntan en comarcas en comarcas que conforman a nación, e por iso seguimos a demandar hoxe, un novo modelo de admistradción territorial para Galiza, un modelo que elimine as construcións artificiosas paridas polo liberalismo do século XIX. Chegou a hora de pórlle remate a ese invento que son os concellos e as provincias e por iso neste acto do que coparticipamos as catro deputacións galegas, quero reclamar como Don Ramón e con Don Ramón a supresión das deputacións provinciais.

E está con nos o docente indignado, o profesor de ensino secundario en Santander, o director do Instituto de Ourense até que foi apartado do cargo polo franquismo, o Catedrático da Universidade Galega que protesta, denuncia, se mobiliza contra este ataque sen precedentes aos servizos públicos. E está con nos o Don Ramón, que após de oporse ao carácter laico nas constituíntes da II República, escribía nos cadernos do Seminario de Estudos Galegos, sobre a necesidade de que Galiza contase cunha grande rede de educación pública porque era a que ía permitir igualar aos fillos dos labregos e dos mariñeiros con aqueloutros fillos dos comerciantes maragatos que retratara o seu compadre Vicente Risco no “Porco de pé” ou con aqueloutros fillos dos señoritos galegos que xa dimitiran da súa condición nacional. E está con nos o Don Ramón, que por escrito ou de viva voz, difundiu ou divulgou as biografías daquelas grandes médicos de finais do século XIX, médicos que canda el e canda nos fan parte desa grande marea branca ou das plataformas sanitarias para a defensa dunha sanidade pública. E esta con nos o Don Ramón represaliado, o ensinante que perdeu a cátedra por separatista, e que hoxe se opón a Lei WERT porque vai no camiño da escola uniformizadora da escola que nega a nosa condición de galegos, e nos con el tamén somos opositores. Sabemos con Don Ramón e por Don Ramón que na historia do Estado Español a perda dos dereitos sociais e dos individuais sempre foron da man, e por iso facemos defensa fechada duns servizos públicos que nos igualen, con independencia da nosa posición de clase, e esiximos garantías no exercicio das liberdades individuais.
 
"E esta con nos o Don Ramón represaliado, o ensinante que perdeu a cátedra por separatista, e que hoxe se opón a Lei WERT porque vai no camiño da escola uniformizadora da escola que nega a nosa condición de galegos"
 
E está con nos o galego cen por cen, o patriota que rematou convertido en patriarca na súa condición de depositaria de toda a nosa mellor tradición desde as Irmandades até o final do franquismo, o home ponte que se xuramentou con Castelao após o seu último abrazo en Bos Aires en transmitirlle ás novas xeracións as leccións do mestre. E hoxe o Don Ramón que traduciu a Joyce, a persoa plurilingüe que se carteaba con Bouza en latín para escapar a censura, o home que por galego foi universal ergue a súa voz contra a desgaleguización da nosa sociedade, onde o ensino está a xogar un papel central e afirma que quere, que queremos galego. E vexo ao Don Ramón hoxe preocupado, preocupado polos desafuzamentos, el que tivo que vender o seu pazo para subsistir nos anos escuros do franquismo, preocupado polos aforradores estafados polas preferentes, el que sempre estivo escaso de cartos, preocupado por un País en proceso de venda. Pero aínda así regálanos optimismo a exportas, xunto aos seus amigos, os do libro, non o dos textos apócrifos, que están aquí, estámolos vendo, un a un o Boveda, o Victor Casas, o Peña Rei, o Anxel Casal, o Marcelo Macías, o Pio Ramón, o mozo Lourenzo, o Colemán, o Blanco Torres, o Lustres Rivas, o Carrasco i Formiguera e fechando, en lugar de honra, Castelao.
 
Discurso do Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, no acto de entrega do Premio Ramón Otero Pedraio.

Comentarios