Opinión

Enquisas como estratexia electoral

Chegaron as enquisas e todos os partidos póñense nerviosos. Non é para menos, está en xogo que siga ou non no Goberno central e na Xunta o Partido Popular.

Chegaron as enquisas e todos os partidos póñense nerviosos. Non é para menos, está en xogo que siga ou non no Goberno central e na Xunta o Partido Popular. Algo que é preocupante, máxime cando este aplica medidas que, para manter e aumentar os beneficios das grandes fortunas, evitando que paguen o exceso de luxos e o xogo de casino, está desmantelando tanto os dereitos sociais e laborais máis básicos como boa parte da actividade produtiva.

A motoserra da que nos fala tan a miúdo o portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, non é unha anécdota, senón a dura realidade. É a receita dos partidos da dereita sistémica na etapa senil do capitalismo (como a define o marxista exipcio Samir Amin). O resultado na Galiza: milleiros de mozos e mozas forzados a emigrar, co agravante de que hai medios de comunicación facendo de “enganche” mediante entrevistas acotío a aqueles que triunfaron no exterior, como se a excepción fora a norma. Completan o cadro, os 277.000 desempregadas e desempregados, as 600.000 persoas que están por debaixo do limiar da pobreza, as 83.000 familias nas que ninguén traballa e 25.000 nas que todos carecen de ingresos. E mentres tanto, a Xunta dinos que hai lugares onde se está peor (mais non pon exemplos concretos) e ano tras ano xoga co argumento de que o ano seguinte vaise iniciar a recuperación, deixando pasar o tempo.

Centrándonos no tema das enquisas. A primeira foi a de El País, que daba unha caída do PP e do PSOE en intención de voto a nivel do Estado, o primeiro case oito puntos. Parecía algo razoábel, aínda que leve Rajoy tan pouco tempo no Goberno, porque está tomando arreo medidas de choque, que mesmo afectan unha parte da súa base electoral tradicional (pensionistas, médicos, sectores da administración e mesmo do empresariado, etc.). Esta semana sérvenos outra enquisa La Voz de Galicia na que, seica, o PP reforza a súa maioría no Parlamento galego, malia que non aumente en votos, e mesmo medren até un 45% os que non se pronuncian. En coincidencia coas preferencias dese xornal caen o PSOE e o BNG e non obtería representación ningunha outra opción política.

Esta enquisa parece ter como finalidade animar a Feijoo a que convoque agora as eleccións autonómicas, sabendo que o vindeiro ano a situación económica e social será moito máis precaria para as maiorías sociais, co que isto ten de desgaste para o PP na Xunta. Parten da idea de que tanto o PSOE como o BNG están pasando un mal momento interno, e que necesitan tempo para pechar feridas e ofrecer unha alternativa consolidada fronte á dereita sistémica. Sobre isto hai meses que veñen pondo o seu grao de sal na ferida, e alentando as diverxencias, a espera de que a multiplicación de oferta signifique unha perda de votos por non acadar o 5% mínimo. Pequenas mudanzas, tamén nas enquisas, significan grandes cambios nos resultados políticos. Sen dúbida é unha tentación moi grande en mans do partido gobernante e dos medios que lle dan arroupe.

A conflitividade interna na oposición é unha realidade, xa en boa medida superada no caso do BNG coa marcha das correntes diverxentes coa liña aprobada pola organización nas últimas dúas Asembleas Nacionais. Ao meu entender os efectos electorais da desavinza están sobrevalorados, máxime cando os problemas sociais son tan graves e cotiás. As clases populares sempre estiveron máis preocupadas pola resposta que dá cada opción política e sindical, pola coherencia e honestidade, que polas “pelexas familiares”. En todo caso, dado o axustado da maioría do PP, cada voto conta, e repetir na Xunta pode depender dunha porcentaxe mínima, e sobre este escenario están traballando.

O que un pode sentir na rúa é que o PP non repetirá os mesmos votos en Galiza, que está a defensiva nos bares e nas charlas familiares, e cada vez son menos os que din que lles hai que dar tempo. O resultado que obteña a oposición, tanto aquelas forzas que están dentro do sistema (por exemplo o PSOE), como as que apostan por un novo modelo económico e social nunha Galiza soberana (como o BNG), dependerá do que fixeron nestes anos e, fundamentalmente, da súa praxe na actualidade. Non axudará, no caso do nacionalismo, que aqueles que optaron por crear outra alternativa (ou máis dunha) queiran construíla mediante a demonización dos que foron os seus compañeiros de organización. Esta estratexia cainita só afortala ao PP e non é un bo xeito de comezar nada novo e mellor, como afirman con teimosía. Que cada un faga os seus deberes e a poboación escolla con liberdade, en función da praxe de cada quen. Supoño que non existirá medo a competir exclusivamente neste escenario; iso é o politicamente correcto, e o que vai a afortalar ao nacionalismo no seu conxunto.

 

 

Un derradeiro comentario. É unha enorme contradición que a enquisa diga que o o BNG, ao que todos acusan de ser unha forza pouco aberta á sociedade, sexa a que teña máis capacidade para atraguer novos votantes (xa que tería que baixar máis do dobre que 2,4 puntos no computo global para que estea en consonancia coa perda do 48 % da súa base electoral, que seica agora se inclinaría por outras opcións). O lóxico, sendo unha fronte cunha alternativa moi clara, é que fora a forza con maior fidelidade electoral ao ficar con ela só os electores de toda a vida (como se repite teimudamente desde o sistema, e aqueles que fan súa esta caracterización simplista). Ademais, se unha parte dos votantes seica optaría (segundo a enquisa) por outra opción nacionalista de existir, o razoábel é que aumente máis a fidelidade no voto e non ao revés. Non se pasarían na cociña, neste aspecto da enquisa, e noutros máis, para alentar a disputa entre os nacionalistas e favorecer a dereita?...

 

 


Comentarios