Opinión

Atentado á democracia na Deputación de Lugo

Xa de por si son pouco democráticas e tendendo a caciquís as deputacións provinciais, artefactos decimonónicos que continúan a ser elementos españolizadores en mans do Estado

Xa de por si son pouco democráticas e tendendo a caciquís as deputacións provinciais, artefactos decimonónicos que continúan a ser elementos españolizadores en mans do Estado, mais o que aconteceu o día de San Xoán de 2015 na corporación provincial de Lugo supera todos os rexistos anteriores de desprezo ás regras de xogo que deben presidir o funcionamento das institucións públicas.

Que o partido socialista presentase como candidato a presidir a Deputación de Lugo un cargo imputado, após o precedente de López Orozco, era unha temeridade política. Que ese cargo se transforme inopinadamente en tránsfuga durante a sesión de investidura abeira o esperpento. Que o PP se beneficie da operación sen se enrubescer o máis mínimo mostra até que ponto este é un partido para o cal o fin xustifica sempre os medios, aínda que os medios sexan moralmente repudiábeis e se pase por enriba da vontade popular. 

O argumento da lista máis votada cae polo seu propio peso cando falamos de institucións que nin sequer son votadas directamente, senón que en todo caso representan os concellos. O PP sofreu unha dura derrota o 24M. Agora obtén de maneira legal, mais politicamente ilexítima, unha institución que en puridade democrática non debería gobernar.

 Que o PP se beneficie da operación sen se enrubescer o máis mínimo mostra até que ponto este é un partido para o cal o fin xustifica sempre os medios

A revisitación do Tamayazo en Lugo deixa, aliás, moi tocada a lideranza de Besteiro, xusto na mesma semana en que o PP vetou no Parlamento de Galiza o seu nomeamento como senador. A debilidade orgánica do líder socialista compromete seriamente a súa carreira e coloca dúbidas sobre a súa solvencia á hora de se candidatar en 2016 para a presidencia da Xunta.

Canto ao BNG, fixo o correcto. O candidato proposto polo PSOE mostrou co seu comportamento na sesión de investidura que en absoluto era digno de ocupar a presidencia da Deputación de Lugo.

Agora, todos os ollos se poñen sobre as deputacións de Pontevedra e A Coruña.  Non é enteiramente desbotábel que o PP poda mover algunha ficha. Prestaremos atención.

Comentarios