Opinión

Así se venderon as preferentes de Caixa Galicia

No ano 2007 o Director Comercial de Caixa Galicia a nivel galego deu instrucións moi claras e precisas aos Directores das Oficinas para que se utilizasen as emisións do mercado secundario como “suministrador de IPF”, (imposicións a prazo fixo), incluso para as renovacións. 

No ano 2007 o Director Comercial de Caixa Galicia a nivel galego deu instrucións moi claras e precisas aos Directores das Oficinas para que se utilizasen as emisións do mercado secundario como “suministrador de IPF”, (imposicións a prazo fixo), incluso para as renovacións. 

Traballar en Caixa Galicia chegou a ser abafante, si hoxe as cousas están mal daquela tampouco estaban ben. A política comercial agresiva converteuse en acoso laboral, daquela a CIG mobilizouse en todas as cidades do pais en numerosas ocasións, chegamos a poñernos na porta de das reunións que convocaba a Dirección Comercial ou José Luis Méndez e as denunciábamos na Inspección de Traballo (con pouco éxito). Mantivemos numerosas reunións coa cúpula directiva, con RRHH, con Méndez, con García de Paredes, e nada. Tamén o denunciabamos e votamos en contra destas políticas comerciais na Asemblea Xeral, as máis das veces o noso era o único voto negativo á xestión da Caixa. 

"O persoal tiña que dicir a principio da semana cantos produtos de cada campaña pensaba vender, cada día a primeira hora da maña tiña que explicar o que tiña previsto vender ese día e a quen, ao longo da xornada laboral recibía numerosas chamadas e correos para ver como ían as vendas"

En Caixa Galicia, coma en calquera outra Entidade, era a Alta Dirección a que decidía que se vendía, como se vendía e a quen se lle vendía. Había un Director Comercial que é o máximo responsable de toda a rede de oficinas; no segundo nivel estaban os Directores Territoriais, na maior parte dos casos a súa responsabilidade era provincial; no terceiro nivel estaban os Xefes de Zona, que tiñan baixo o seu mando a un grupo de oficinas nunha bisbarra. Os niveis 2 e 3, tiñan como responsabilidade facer un seguimento diario da marcha das vendas das distintas campañas polas oficinas. Daba igual que fosen preferentes, motos; cámaras de vídeo ou televisións, chegamos a ter 38 campañas de venda a un tempo, era o xeito de que non pensáramos, que só vendéramos. 

O persoal tiña que dicir a principio da semana cantos produtos de cada campaña pensaba vender, cada día a primeira hora da maña tiña que explicar o que tiña previsto vender ese día e a quen, ao longo da xornada laboral recibía numerosas chamadas e correos para ver como ían as vendas; ao final da xornada tiña que pasar un resumo do feito e unha previsión do que faría ao día seguinte. Cando chegaba pola maña volta a comezar. Os insultos, descualificacións e ameazas formaban parte da vida cotián, os ceses e traslados tamén. A sensación era de medo, moito medo. As baixas laborais por estres, depresión ou ansiedade, comezaron a medrar, a empresa solucionouno a través da Mutua e contratando un Seguro Médico Privado. Saíalles máis barato pagar o seguro para acurtar a duración das baixas.

Recoñezo que cando nos medios de comunicación se falaba daquela dos suicidios de traballadores/as en France Telecom, sabía cal era a situación que estaban vivindo, a tiña demasiado cerca. Non podo deixar de lembrar un caso de acoso laboral en Vigo que levamos ao xulgado, o noso ex-compañeiro rematou quitándose a vida fai pouco máis dun mes. Este artigo vai por el.

"A sensación era de medo, moito medo. As baixas laborais por estres, depresión ou ansiedade, comezaron a medrar, a empresa solucionouno a través da Mutua e contratando un Seguro Médico Privado".

Eu traballaba en Caixa Galicia, pero este esquema é común a maior parte da banca. Tampouco me preguntedes que foi de moitos de aqueles xefes e xefas tóxicos (hoxe deciden a quen se despide) ou cal é a “nova” política comercial da banca (incluídos os bancos baixo control gobernativo). 

En fin, o problema era o clima laboral, o “seguimento diario e permanente”, como avisaba o Director Comercial da División Galicia de Caixa Galicia, un tal Julio Rivero Gómez.

Comentarios