Opinión

'Sermos Galiza', un ano de información precisa

Sermos Galiza fai un ano. O semanario, non o proxecto

Sermos Galiza fai un ano. O semanario, non o proxecto fai un ano. O semanario, non o proxecto. Este xestouse vai xa para dous anos e tornouse realidade nun diario dixital o  26 de abril de 2012 co aparecemento público dunha plataforma informativa hoxe visitada por varios millares de persoas ao día, un medio dixital con contidos variados e únicos. 
O semanario -despois dun número cero de 16 páxinas distribuído en Compostela o 17 de maio- viu a luz, cunha tiraxe de 5.000 exemplares, en 1.641 puntos de distribución repartidos por toda a xeografía galega, o día 8 de xuño de 2012.

Sermos Galiza ten unha curta traxectoria temporal. Un ano é ben pouco tempo na vida de calquera ser. Se o trasladarmos á vida dun ser humano é xusto o período en que se aprenden os fundamentos da linguaxe, da coordinación dos movementos. Aprendemos a andar e a falar neses primeiros doce meses de vida. Loxicamente con balbucidos e algunha pancada cando queremos ir máis rápido do que podemos, ou desexamos. Tamén Sermos Galiza -é preciso facermos autocrítica- sabe deses problemas: houbo, e aínda hai, desaxustes na información, e tamén demos algunha cuada. Mais sabemos que eses son os fundamentos para adquirir unha linguaxe máis sólida e un camiñar máis firme. 

Que é Sermos Galiza? 

Sermos Galiza é un grupo de comunicación con vontade de se converter no medio de referencia do País. A sociedade está formada por máis de 900 accionistas, entre os que podemos atopar empresas, entidades sen ánimo de lucro, asociacións profesionais e, naturalmente, persoas. Persoas que ven en Sermos Galiza un instrumento para dar voz a quen habitualmente non a ten. O nacemento de Sermos Galiza foi, para moitas persoas, a nova máis esperada por canto supuxo a volta aos quioscos dun medio en galego, independente, crítico e veraz. E todo nun contexto político de derrubamento, por parte do goberno da Xunta e tamén do do estado, do todo o que teña a ver con lingua, cultura ou calquera outra marca que nos identifique como nación. 

Que hai en Sermos Galiza? 

En primeiro lugar, información e análise feita desde a Galiza e con vontade de crear espazos de comunicación propios. Os intereses e as necesidades do País son tamén os do xornal. 

En segundo lugar, interpretación e pluralidade: é noso obxectivo primar a presenza de voces diferentes ofrecendo unha lectura rigorosa, áxil e clara dos temas tratados, fornecendo as claves para a mellor comprensión da realidade. 

E, en terceiro lugar, lecer e coñecemento, a través de páxinas con encrucillados, crítica literaria, xadrez, crítica de cinema ou viaxes 

Que máis vai haber en Sermos Galiza? 

No escaso ano de vida do semanario Sermos Galiza, podemos distinguir, no que se refire á estruturación informativa, maquetación, deseño, etc. dúas etapas ben diferenciadas. A primeira comprende todos os números do ano 2012, a segunda os do 2013. Dunha á outra vai un redeseño de portadas, de páxinas interiores, un alixeiramento de texto, a inclusión de novas seccións, a inserción de máis publicidade e, sobre todo, a inclusión dun caderno de análise, denominado A Fondo, co que pretendemos oferecer unha análise profunda, desde varias ópticas, do que acontece quer no noso entorno inmediato quer no máis afastado de nós, porque nada nos é alleo.
 
Mais os procesos de adecuación de Sermos Galiza aos obxectivos informativos que pretende non se limitan á inclusión de novas seccións ou á remodelación das que xa están. Como grupo de comunicación que pretende incidir na sociedade, Sermos Galiza opta á concesión de licenzas de radio dentro da convocatoria actualmente aberta -e con varias impugnacións entre outras razóns por primar empresas que non utilizan o galego.

Sermos Galiza fai un ano. Mais a intencionalidade do proxecto vén de vello e insírese na necesidade e na vontade de contarmos con medios de comunicación propios, de analizarmos a realidade desde a nosa perspectiva, de falarmos coa nosa voz na Galiza e no mundo. Somos aínda unha empresa pequena, mais somos grandes en obxectivos e metas por cruzar e,  para os alcanzar, para as cruzar, precisamos de tod@s. 

Todos e todas temos un papel importante que cumprir no afortalamento dos medios de comunicación en galego. E agora que estamos de aniversario, o primeiro,  agardamos o teu agasallo, porque CONSOLIDAR UN MEDIO EN GALEGO PRECISA E DEPENDE DE TI. 

Faite accionista! Subscríbete, para entre todas e todos SERMOS, para sempre, GALIZA!


*** Xoán Costa é o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza.

Comentarios