Opinión

Enganos de armas tomar para seguir incumprindo con Galiza

A estas alturas da lexislatura do Goberno de Rajoy resulta ben clara e documentada a orientación regresiva e centralista das súas políticas.

A estas alturas da lexislatura do Goberno de Rajoy resulta ben clara e documentada a orientación regresiva e centralista das súas políticas. O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o 2015, actualmente en tramitación, mantén este escenario, con recortes, políticas fiscais regresivas e incumprimentos con Galiza, por moito que a propaganda oficial tente convencernos do contrario mesmo usando nas contas trampas, trucos e enganos que pasan desapercibidos ante a opinión pública, a pesares de que os levamos a padecer durante toda a lexislatura.

"Ano tras ano, presentan uns orzamentos de Defensa comedidos, para logo aprobar pola porta de atrás créditos extraordinarios, que provocan que este ministerio sexa o que máis incrementou a súa contía nesta lexislatura". 

Nun destes enganos mestúrase a obsesión belicista do goberno, a súa permanente disposición a atender aos lobbies económicos, e como guinda, os escuros intereses do seu Ministro de Defensa, Pedro Morenés, claro exemplo de porta xiratoria, ben coñecido pola súa participación en empresas de armamento despois do seu paso polo Goberno de Aznar. 

A xogada consiste en que, ano tras ano, presentan uns orzamentos de Defensa comedidos, para logo aprobar pola porta de atrás créditos extraordinarios, que provocan que este ministerio sexa o que máis incrementou a súa contía nesta lexislatura. Así, no verán do ano 2012 aprobouse un crédito de 1.782 millóns de euros para “atender ao pago de obrigacións correspondentes a programas especiais de armamento”, acción que se volveu repetir por datas estivais en 2013 e 2014, cunhas contías de 877 e 883 millóns de euros respectivamente. 

Baixo este subterfuxio, Defensa recibiu nestes tres anos 3.542 millóns fóra dos orzamentos iniciais, polo que o ministerio incrementa considerabelmente a súa dotación cada ano dun xeito que resulta case imperceptíbel aos ollos da xente. Posto que os créditos extraordinarios foron destinados ao pago de obrigacións xa coñecidas no momento da presentación dos orzamentos, resulta evidente que o único propósito de non incluílos nos mesmos é o de enganar á cidadanía, máxime se temos en conta que isto sucedeu durante tres anos consecutivos! Agora só nos queda preguntarnos a canto ascenderá o crédito extraordinario para pagar armamento no próximo verán de 2015.

"A investigación militar non computa no Ministerio de Defensa senón no de Industria, aínda que o máis preocupante é ver como medra para o 2015 en 220 millóns de euros, isto é, un 64% máis"

Esta non é única maneira de camuflar os desorbitados gastos en defensa. A investigación militar non computa no Ministerio de Defensa senón no de Industria, aínda que o máis preocupante é ver como medra para o 2015 en 220 millóns de euros, isto é, un 64% máis. Segundo un Informe da OCDE, o Estado español é o segundo do mundo detrás dos EUA que destina maior porcentaxe sobre o PIB á investigación militar, mentres que outros informes dan conta de que é un dos que menos aposta pola investigación civil. 

Outra das grandes mentiras dos orzamentos é a de que “cumpren con Galiza”.  Ben é coñecido como os diferentes gobernos do Estado español relegaron ao noso país ao vagón de cola no desenvolvemento das grandes infraestruturas de comunicación, o que explica o déficit histórico que padecemos nesta materia, que nestes momentos segue a perpetuarse co considerábel atraso nas obras da alta velocidade.

A pesares desta situación de marxinación estrutural  a propaganda do Partido Popular non deixa de repetir o esforzo investidor do Estado en Galiza. Unha simples ollada ao investimento territorializado no Estado para 2015 desmonta este argumento, xa que este medra globalmente un 14,3%, mentres que Galiza é o territorio onde este incremento é menor, cun exiguo 2%, sen contemplar actuacións necesarias como a prolongación do Eixo Atlántico ata Ferrol, o saneamento de rías galegas ou actuacións de dinamización de sectores produtivos básicos.

"O papel do Presidente da Xunta é o de delegado do goberno central en Galiza, sen voz nin voto para mudar a inserción de Galiza nun Estado cada vez máis xerarquizado e centralizado". 

Porén, o Goberno de Rajoy xustifica ese esforzo con Galiza no forte investimento para a conexión do AVE coa Meseta. Pero a obra estrela do Goberno tamén ten gato encerrado, e a trampa está no grao de execución final con respecto ao orzamentado. O tramo do AVE Lubián-Ourense dótase con 571 e 578 millóns de euros para 2014 e 2015 respectivamente. Porén, mediante os últimos orzamentos o propio goberno recoñece que deixará de executar máis de 200 millóns de euros para o presente ano nese tramo posto que o investimento previsto quedará en 353 millóns de euros, é dicir, pouco máis da metade do presupostado. Non se trata dun feito puntual, no 2013, cun investimento aprobado de 496 millóns o goberno volvía a recoñecer que o previsto quedábase nos 354 millóns. Polo tanto, máis de 350 millóns de euros que aparecen nos grandes titulares da mesma prensa que despois non nos conta como se evaporan. Así, a obra estrela do goberno desafortunadamente vai a seguir a selo algún lustro máis.

Non so os artificios orzamentarios co AVE afectan de xeito directo a Galiza, tamén o fai a apropiación do goberno central dunha cantidade inxente de recursos para para atender os compromisos cos oligopolios afíns, tais como o deseño de rescates bancarios, a ficción do déficit tarifario, ou as compras de armamento que acabamos de sinalar. Isto afecta directamente ao reparto dos recursos entre o goberno central e as comunidades autónomas, onde Galiza ten que padecer escaseza de recursos froito dun sistema de financiamento a todas luces inxusto e esgotado.

Neste contexto sorprende (é un dicir) a actitude do Presidente da Xunta, que non se rebela contra esta asignación dos recursos prexudicial para o país, nin demanda outro sistema de financiamento e que nin sequera aproveita as poucas posibilidades que existen no ámbito galego para garantir uns servizos dignos e políticas que estimulen ao noso tecido produtivo. Porén, olla de xeito entusiasta os “grandes avances” que fan que infraestruturas chave sumen retraso tras retraso. Fica claro máis unha vez que o seu papel é o de delegado do goberno central en Galiza, sen voz nin voto para mudar a inserción de Galiza nun Estado cada vez máis xerarquizado e centralizado. 

Comentarios