Opinión

Setembro, na memoria

O domingo pasado celebramos en Santa Cristina (Vilaboa), organizado pola asociación A Regaduxa, un acto en memoria das vítimas da represión nos primeiros meses do golpe fascista de 1936. Tratábase, especificamente, dunha homenaxe a Xosé Casal, ao seu irmán Belarmino e ao seu curmán Roxelio Calvar Casal, líderes das agrupacións políticas e sindicais republicanas na bisbarra de Cobres.

As noticias que eu tiña, ata a adolescencia, dos sucesos que viviron os meus tíos-avós e as súas familias eran moi vagas, froito da autocensura pola dura represión durante o franquismo. Só coa morte do ditador foi posíbel ir coñecendo a verdadeira historia dos 'Carrapuchos' que era como se coñecía a familia dos Casal en Santo Adrián. O meu primeiro coñecemento sistemático da historia foi en 1986 como resultado dunha longa entrevista ao tío Roxelio, quizais o principal protagonista do grupo polas súas responsabilidades políticas e a súa participación en diversos eventos fóra do concello de Vilaboa. Nesa conversa coñecín a existencia do diario de cativerio de Xosé Casal e con toda esa información e unha investigación posterior puiden elaborar o relato-crónica Soños, derrotas e outras historias que inclúo no meu libro Memorias da brétema (2019).

O compromiso político dos Casal viña de lonxe, membros da familia xa participaran na creación da primeira sociedade agraria e a posterior federación municipal en 1903. Roxelio, o primeiro presidente da agrupación das Xuventudes Socialistas da parroquia, colaborou no intento de asalto ao Cuartel Militar de Figueirido durante a revolución de 1934, protagonismo que compartían Xosé e Belarmino como dirixentes sindicais do naval e da Sociedade de Agricultores.

Este activismo político e social púxoos no punto de mira dos fascistas, que intentaron "pasealos" como a moitos outros, pero unha extraordinaria boa sorte e a axuda dalgúns coñecidos do bando contrario lograron evitar a traxedia. O 8 de setembro de 1936 foron detidos pola garda civil, salvándoos do "paseo" que lles tiñan preparado os falanxistas. O mesmo día foron trasladados ata a Escola Normal de Pontevedra onde estiveron a punto (de novo) de seren asasinados (con outros detidos) polo grupo fascista de Lis Quibén.

En outubro foron trasladados ao campo de concentración da Illa de San Simón. Nun xuízo sen garantías foron condenados a 30 anos de prisión por rebelión militar contando cun curioso informe do alcalde de Vilaboa que os acusou "de teren participado en manifestacións públicas como comunistas e vestir camisas encarnadas". En 1937 son trasladados á prisión de Pamplona. Alí padecen enfermidades, fame e penurias sen conto ata que se organiza unha "gran evasión" que acaba en traxedia con máis de 200 mortos. Os Carrapuchos logran sobrevivir a esta última aventura e, finalmente, concédenlles a prisión atenuada volvendo á súa casa un 8 de setembro de 1940. Esa data máxica de setembro ficou para sempre como talismán da súa boa sorte e proba de fidelidade republicana. O seu compromiso e coherencia sempre foron unha guía para a familia, e o seu recoñecemento público un acto de xustiza que se agradece.

Comentarios