Opinión

Propaganda e alienación social

As recentes eleccións madrileñas merecen unha reflexión devagar, polas leccións que se poden extraer, alén das particularidades da Villa y Corte. Cun resultado do bloque progresista similar ao de hai dous anos o PP logrou incrementar os seus apoios en máis de 900 mil, absorbendo a Cs (495 mil) e a case todos os novos votantes (412 mil), con Vox lixeiramente á alza. Moitos se preguntan como é posíbel chegar a este resultado, despois dunha xestión tan desastrosa de Ayuso durante a pandemia (con milleiros de mortos nas residencias por grave neglixencia institucional), sen apenas resultados lexislativos no parlamento e cun goberno incapaz de aprobar sequera o seu orzamento. 

Primeiro, apelando ao madrileñismo máis castizo (é unha tradición a osmose perfecta entre as elites —coroa, igrexa, patronal-IBEX35— e o populacho máis tabernario). Ás primeiras vailles moi ben coa capitalidade, vampirizando os recursos do resto do Estado a custo mínimo, mentres a plebe goza cos calamares, as cañas e o fútbol. Niso consiste a “liberdade” de Ayuso, para iso son España dentro de España. Unha razón de peso para apoiar a quen defende que siga a festa (literal, por certo).

Porén, ese resultado non sería posíbel se non confluísen varios factores relevantes no cóctel madrileño co pano de fondo da pandemia. Dun tempo a esta parte, hai unha estratexia do establihsment español de exaltación de Madrid como a quintaesencia da españolidade fronte a socialistas, separatistas e esquerdistas, a quen consideran incapaces, perigosos ou marxinais e, en consecuencia, inimigos do “benestar de España”, léase de Madrid. Esa mensaxe simple encaixou de forma moi eficaz no contexto social de shock anímico e devastación económica producida por un ano de Covid en ducias de milleiros de traballadores, pequenos negocios e empresas da comunidade. Moitos necesitaban que lles sinalasen un culpábel e os medios da dereita levan demonizando dende hai meses o goberno de Sánchez e os seus socios “esquerdistas e separatistas”. Unha imaxe de inimigo (“liberdade” fronte a social-comunismo), similar á empregada polos nazis cos xudeus e os comunistas nos anos 30. A dereita ten medios abondo para facela críbel.

Neste contexto, a estratexia da esquerda foi un desastre. Excesivamente dividida, á defensiva, e sen unha campaña de comunicación eficaz (salvo MM), caeu na trampa das provocacións da extrema dereita, cun Gabilondo  plano e un Iglesias tocado e en inferioridade táctica, exacerbando aínda máis os prexuízos sociais preexistentes. Esa situación sumábase a meses de tolerancia do goberno coa ultradereita permitíndolles manifestarse (“ser libres”) en pleno confinamento. Pola contra, cargouse na rúa contra todo o que cheirase a progresismo. Se engadimos as continuas leas entre os socios do goberno central é fácil concluír que o que se propiciou foi a idea de que os ineptos e culpábeis do que pasaba estaban na esquerda. E, como guinda do pastel, Tezanos cualificando publicamente a Ayuso e aos seus votantes de descerebrados e simples. Impresiona o “ben” que fixeron o seu papel cada un dos actores seguindo o eficaz guión da dereita.

Comentarios