Opinión

A nova síntese inevitábel

As radicais transformacións inducidas nos últimos cincuenta anos polo capitalismo financeiro, aceleradas nesta última etapa polos enormes avances da revolución científico-técnica (IA, robótica, 5G, etc.) e con consecuencias de gran alcance no campo da economía, das finanzas e das relacións internacionais chegaron ao seu límite evolutivo. Ao tempo, a exponencial acumulación capitalista, causante de guerras, fame e de enormes desequilibrios sociais na maioría do planeta, intentouse camuflar cunha suposta chegada da fin da historia que nos faría a todos enormemente felices, liberándonos da política e das ideoloxías.

O programa de substitución do vello modelo tradicional foille encargado ao Partido Demócrata de EUA e a toda a cohorte de partidos social-demócratas, aos que se foron sumando distintos colectivos partidarios deste novo poder brando. Nesa nova "sociedade aberta" do s. XXI, quen asumiría o protagonismo da gobernación serían as "organizacións sen ánimo de lucro", as ONGs, convenientemente engraxadas con suculentas subvencións a fondo perdido (sempre que non se apartasen do camiño marcado). Elas faríanse cargo da "xestión técnica" dos numerosos nichos xerados por problemáticas sectoriais de tipo transversal (migrantes, ecoloxía, cambio climático, feminismo, exclusión social, conflitos de xénero, movementos contraculturais, etc.) con innegábel transcendencia no mundo actual, pero convenientemente instrumentalizadas para  ilustrar a veracidade da "fin da historia".

Simultaneamente, parello ao deterioro do vello modelo político-social, foise cultivando a confusión e a querenza pola inmediatez, suficiente para neutralizar eficazmente a posibilidade dun cambio social progresista. Unha operación de éxito, ata o punto de que as reivindicacións clásicas da esquerda (sociais e incluso anti-imperialistas) pasaron a ser apropiadas pola extrema dereita europea (con diversos graos de autenticidade), mentres que unha parte significativa da propia esquerda se atomizaba e caía na trampa da fragmentación sociocultural. A confusión é de tal calibre que os conservadores "patrióticos" de EUA e de Europa cualifican de "esquerda" a quen promove e defende o sistema neoliberal.

Pero non é posíbel manter unha impostura desa enormidade durante todo o tempo. As extraordinarias contradicións desa situación absurda e caótica comezaron a seren desveladas (contra o desexo dos seus promotores) polos brutais efectos económicos e psicolóxicos do confinamento social durante a pandemia, igual que van ser aceleradas no futuro próximo polas consecuencias xeopolíticas da Guerra do Leste. A situación faise insostíbel para a hexemonía occidental.

Resulta, por tanto, inevitábel unha nova síntese (ou a apocalipse). Eurasia dispón dunha mellor organización social e económica e recursos naturais, e xa está traballando para ofrecer ao mundo un modelo alternativo. E occidente participa dunha tradición democrática de séculos. Desa dialéctica entre sistemas e intereses xeopolíticos (Oriente-Occidente) abrollará un novo albor, pero só será posíbel cunha gran dose de rebeldía e mobilización social aquí. Senón fracasará.

Comentarios