Opinión

Incendios e modelo cooperativo

A xa distante vaga de lumes de 2006 ensinounos que o estado de abandono do noso medio rural xunto á estrutura forestal, con grandes masas de alta combustibilidade, obrigaba, sen dilación, a un cambio de enfoque na loita contra os incendios. O noso país, con milleiros de núcleos habitados (o 50% de todo o Estado) dispersos por todo o territorio, rodeados de fincas abandonadas con moita matogueira e de montes con especies industriais (piñeiros e eucaliptos) configuraba (daquela e hoxe) un espazo altamente vulnerábel. Unha circunstancia agravada ao contar cunha poboación de idade avanzada ou dependente e un adverso meteorolóxico consecuencia da importante alteración climática actual. 

A vulnerabilidade desta situación socio-territorial é independente da tipoloxía e da causa específica dos lumes que poidan ameazala. Xa que logo, dar unha alternativa axeitada a este contexto estrutural adverso é a chave para unha resposta eficaz en caso dunha emerxencia como a que estamos vivindo nas últimas semanas deste verán ardente ou no próximo futuro.

Antes de nada, calquera medida que se leve adiante debe contar cun elevado consenso social e político para que teña éxito. Debe ser (é indispensábel) un proxecto de país. Non obstante, todo o que se necesita facer en canto ao operativo anti-incendios xa está dito e escrito nos últimos documentos da Comisión de Expertos que obra no Parlamento Galego e na Consellería de Medio Rural, plenamente vixentes en canto á tipoloxía de medios humanos e tecnolóxicos e á estrutura do operativo de defensa e vixilancia. 

Tamén é coñecido o que hai que facer no referido á estrutura forestal, o abandono e a política de prevención e implicación social. Só falta levar á práctica (plenamente) polas autoridades da Xunta o espírito e a letra deses acordos, tanto aqueles que son de aplicación doada como os que necesitan de vontade política tenaz (aínda que teñan custos políticos momentáneos) para facelos realidade. 

Non vou engadir nada máis sobre este particular, xa expliquei o tipo de medidas necesarias (apoiadas por un amplo consenso técnico) noutros artigos. Pero si hai un aspecto no que creo que é conveniente insistir: a participación veciñal. Despois da vaga de lumes de 2006 puxemos en marcha na Dirección Xeral de Montes as agrupacións veciñais de vixilancia e as de voluntarios do monte, con bastante éxito. Eses grupos estaban coordinados e recibían unha instrución básica de Vicepresidencia e do distrito forestal realizando labores preventivos e de vixilancia nos montes da súa comarca, servindo de disuasión fronte aos incendiarios. Despois, o PP prescindiu desta colaboración veciñal organizada, o modelo neoliberal foxe da cooperación.

Hai uns días Rafael Pérez, alcalde da Mesquita, volveu recordalo e creo que é moi acertada a recuperación deste traballo cooperativo veciñal para ter éxito na loita contra os incendios. A Xunta debe facer o seu traballo no campo da estrutura forestal, no da prevención, na vixilancia e na extinción, pero sen a cooperación activa dos veciños do medio rural non se poderá enfrontar con éxito as enormes dificultades desta loita estratéxica.

Comentarios