Producida pola Fundación Terra e Tempo e financiada por un nutrido mecenado de xente de diferentes ámbitos culturais, laborais e políticos, pero cun pensamento en común á hora de apoiar o proxecto: a longametraxe tiña que facerse.
Reboiras. Acción e Corazón / Galiza 2020 / Dirección e guión: Alberte Mera / 61 minutos
Era preciso elaborar e preservar un documento audiovisual que honrase a memoria do "último loitador galego morto en desigual combate contra Franco". O resultado está á altura.
Dirixe Alberte Mera (Vigo, 1987), que conta xa con certa bagaxe ás costas ao abordar varios episodios de movementos de loita na Galiza, no franquismo e posfranquismo, nas súas primeiras longametraxes documentais: Clamor da terra en 2012, sobre o sindicalismo agrario, e Lume novo en 2013, sobre o movemento de estudantes.
En Reboiras. Acción e corazón repite a mesma dinámica de alternar imaxes de arquivo con testemuños de amizades, familiares e compañeiras de partido mais, desta volta, inclúe tamén unha dramatización dos feitos que acaba achegando unha interesante dinámica ficción-realidade que suma moitos enteiros, máis aló do interese que xa, de por si, suscita o documental.
Daniel Celester, Lidia Veiga, Daniel Prieto, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso conforman o elenco. Que non teñan máis minutos en pantalla é do pouco que se lles pode reprochar.
Esta aposta pola ficción supuxo un esforzo técnico e creativo importante, pois xa non era unha mera sucesión de entrevistas a cámara fixa, senón que había que recrear os feitos dunha época concreta, o cal precisaba ambientación, vestiario ad hoc, luz, deseño de son e demais elementos que nos transportase a 1975 de maneira fidedigna.
Pero se hai algo que destaca por riba de todo é a veracidade e honestidade coas que Alberte Mera consegue que as testemuñas expoñan o relato. Moitas son revelacións inéditas nunca antes contadas máis alá do círculo de confianza.
Resulta curioso como algunhas das persoas entrevistadas baixan o ton de voz ou pasan de puntiñas ao falar de certos temas como se estivesen contando un segredo, case como se esquecesen que están a ser gravadas. Simplemente xenial.