Opinión

Notas ao vivo: Campos de concentración na Galiza (48)

En días nos que estamos, confusos e escuros, volve brillar o dito unha e outra vez por Eduardo Galeano, que ben sabía que a única maneira existente para que a historia non se repita é manténdoa viva. Mais corenta anos despois da morte do ditador Francisco Franco semella existir, como se está a ver en diferentes ámbitos políticos e sociais, non só unha clara indiferenza cara á memoria histórica senón tamén unha negación expresa da mesma, o que inclúe á par a negación tamén dos dereitos humanos das vítimas.

O filósofo Reyes Mate, que está á fronte do Seminario de Investigación sobre o Sufrimento Social e a Condición de Vítima do Instituto de Filosofía do CSIC, ten afirmado con plena contundencia que a memoria é sempre memoria das vítimas, unida esta a outros conceptos necesarios e complementarios como xustiza e historia.

E estas palabras anteriores aquí escritas permítenme celebrar a existencia e a lectura dunha novidade editorial, aínda quente do prelo, que leva por título “Los campos de concentración de Franco. Sometimiento, torturas y muerte tras las alambradas” e que é da autoría do xornalista e escritor, e agora tamén historiador, Carlos Hernández de Miguel. Nesta obra de máis de 550 páxinas, fundamental para entendermos o que foi o fascismo franquista, descríbense os campos de concentración de Franco como parte, en palabras de Paul Preston, dunha complexa estratexia do terror dentro dun proxecto ideolóxico moi amplo para aniquilar a cultura política e moral da España republicana.

Carlos Hernández demostra con datos incontestábeis, todos eles documentados, que existiron no Reino de España até 300 campos de concentración franquistas, 150 máis do que se tiña calculado até o momento. E eses campos constituíron, en palabras do noso investigador, un “verdadeiro holocausto ideolóxico, unha solución final contra quen pensaban de forma diferente”. “Tenemos que matar, y matar, ¿sabe usted?, son como animales (...) Nuestro programa consiste en exterminar un tercio de la población masculina de España”, declaráballe Gonzalo de Aguilera, oficial de prensa de Franco e de Mola, a un periodista estadounidense que cubría o golpe de Estado fascista e a guerra posterior.

O autor do libro rebela que polos campos de concentración españois pasaron entre 700.000 e 1 millón de persoas, e o número de vítimas directas, exterminadas nos propios campos, supera amplamente as 10.000. Na Galiza, só na Coruña, houbo 8 campos: Betanzos, Cedeira, Ferrol, Muros, Padrón, A Póboa de Caramiñal, Rianxo e Santiago de Compostela (Lavacolla). En Pontevedra contabilízanse 2: A Guarda e Oia. E en Ourense cita o investigador o campo de Leiro, emprazado no mosteiro de San Clodio. ¿E en Lugo? Fálase da existencia dun campo de concentración (“dubidoso”, para o autor) en Ribadeo, que só figura na memoria da Inspección General de los Campos de Concentración de Prisioneros (ICCP) de abril de 1938. Mais o campo de Arnao, que así se chamaba, existiu como tal entre os anos 1938 e 1943, e por el pasaron milleiros de persoas, incluídas mulleres e nenos, estando situado exactamente no Castropol asturiano (As Figueiras), terra galegofalante.

Hernández de Miguel non cita os campos de concentración pontevedreses da Illa de San Simón e de Figueirido, por non figuraren así recoñecidos, disque, na documentación “oficial”, aínda sendo escenarios de represión organizada de seres humanos que incluían fame, enfermidades, miseria, tortura e morte. No noso país, seguramente, houbo máis campos de concentración franquistas, hoxe non recoñecidos ou esquecidos. O noso deber —velaí están os historiadores e as universidades— é dar conta deles e manter sempre viva a memoria das vítimas.

Comentarios