A oposición coincide en que o discurso de Feixoo mostra un proxecto “baleiro” e “esgotado” para Galiza

Dúas horas de discurso do presidente da Galiza que non convenceron a oposición parlamentar, que coincidiu en salientar que o futuro do país non pode pasar por Núñez Feixoo. “Non ten nada a ofrecer”, reprochoulle Ana Pontón. “Non ten nada que mostrar”, manifestou Gonzalo Caballero. Antón Sánchez destacou que o propio Feixoo dixera que era o seu “derradeiro” discurso, “non último, derradeiro”; e Luís Villares advertiu de que o discurso foi unha “cortina de fume”.

debate 2
photo_camera Foto: Parlamento da Galiza

Sen proxecto, sen propostas e sen futuro. Os grupos da oposición do Parlamento galego non dubidaron en manifestar a súa decepción co discurso que pronunciou Núñez Feixoo na primeira xornada do Debate sobre o Estado da Nación. Dúas horas de discurso que, coincidiron, evidencian o “esgotado” que está o proxecto para o país do goberno da Xunta. PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea apelaron tamén, coa vista posta nas eleccións galegas de 2020, a un futuro que pasa pola derrota de Feixoo nas urnas.

O primeiro en valorar o discurso foi Luís Villares, do Grupo Mixto, que considerou a intervención unha “cortina de fume” para non ter que falar dos “verdadeiros problemas” da Galiza. Reprochou que se centrase en cuestións como o Xacobeo, obviando problemáticas como a violencia machista, a precariedade laboral ou a emerxencia climática. “Sobre iso, o presidente evitou falar”, concluíu.

“Temos un presidente e un goberno irrelevantes” (Ana Pontón)

Ana Pontón, portavoz do BNG, considera que Feixoo amosou nesta primeira xornada de debate que está “sen proxecto de futuro” para o país. “Non ten nada que ofrecer”, criticou, indicando que o presidente volve ao “baúl dos recordos, recuperando o Xacobeo e Galiza Calidade”. A nacionalista afirmou que Galiza é actualmente “irrelevante” porque “temos un presidente e un goberno irrelevantes”, mais apuntou que o país “ten futuro” se aposta en abrir “un tempo novo”.

“Esas promesas xa as escoitamos e traducíronse en nada” (Antón Sánchez)

“Promesas xa escoitadas noutros debates e que se traduciron en nada”, resumiu Antón Sánchez, Grupo Común da Esquerda, a súa valoración do discurso do presidente. Acusou Feixoo de levar dez anos “gobernando para uns poucos” ao tempo que escapaba “dos problemas reais” dos galegos e galegas. Sánchez ironizou con que o propio Feixoo iniciara o seu discurso dicindo que este era o “derradeiro”, e non o “último”. “Iso quer dicir que non haberá máis”.

“Foi un discurso de despedida” (Gonzalo Caballero)

A rolda de valoracións fechouna Gonzalo Caballero, que considerou que o discurso de Feixoo fora "un discurso de despedida", do "feche dun ciclo político". O portavoz socialista valorou a intervención do presidente como "unha ensalada de contidos variados e pequenas promesas", que "carecen de orientación estratéxica e de solucións para os problemas reais da Galiza". "Feixoo segue vivindo na Galiza do coche oficial ao que leva subido máis de vinte anos", subliñou Caballero. "Non recoñece a Galiza real, pero este será un punto de inflexión no ciclo político da Galiza". O portavoz socialista avanzou que Feixoo "non ten balance e limitouse á confrontación con Pedro Sánchez e co PSOE". "Sen ese discurso, Feixoo non ten nada que dicir á cidadanía".

“Foi unha mensaxe de estabilidade e centralidade” (Pedro Puy)

De por parte, o portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, ofreceu unha valoración antagónica ás anteriores. Para Puy, Feixoo transmitiu unha mensaxe “de estabilidade e centralidade” que contrasta co panorama político estatal. Aliás, defendeu, o discurso foi o dun presidente con “proxecto de futuro” para Galiza.

“Non falou dos verdadeiros problemas” (Luis Villares)

A primeira xornada do debate complétase pola tarde coa intervención dos diferentes portavoces dos grupos parlamentares.

Comentarios