O Goberno español solicita a paralización do ERE de Alcoa

Dá "un ultimato" á empresa para que acceda a unha venda.

MANI ALCOA-105 arxina
photo_camera Imaxe dunha manifestación de persoal de Alcoa (Foto: Arxina)

O Goberno español solicitará a paralización das negociacións do ERE da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, tal e como reclamou o comité logo do brote da Mariña que obrigou a pechar a comarca.

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, e o comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantiveron un encontro telemático esta terza feira, após o cal os representantes dos traballadores emitiron un comunicado no que informan de que o Goberno estatal dá "un ultimato" á compañía para que nunha semana "recapacite e ceda á venda", "para o que habería un investidor industrial do sector do aluminio".

Nesta liña, o comité sinala que o Goberno español tamén apoia a paralización do ERE do mesmo xeito que a Xunta. Para iso, o Ministerio de Industria colaborará coa Consellería de Economía, Emprego e Industria coa documentación necesaria.

Ademais, o Goberno comprométese a pór un prezo competitivo ligado a un plan de viabilidade industrial para os próximos 10 anos.

Todo iso no marco do proceso formal de consultas de 30 naturais, que termina o 24 de xullo, no que Alcoa expón o despedimento colectivo de 534 traballadores.

Pola súa banda, o Ministerio de Industria emitiu un comunicado no que insta a "buscar unha solución alternativa ao ERE para evitar os despedimentos e o peche das instalacións".

Respecto diso, o Ministerio asegura que hai un proxecto industrial e enerxético viábel. "O que hai que facer é unir forzas, institucións con sindicatos, para esixirlle unha resposta a Alcoa. O que teñen que ter claro os traballadores é que o Goberno se está empeñando a fondo para dar unha solución viábel a Alcoa".

Comentarios