Imprimir

Ignacio Ramil, médico internista: "O coronavirus é igual de virulento que en marzo"

M.O. | 15 de setembro de 2020

O médico Ignacio Ramil (Nós Diario).
O médico Ignacio Ramil (Nós Diario).
Ignacio Ramil é especialista en Medicina Interna no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Advirte de que o coronavirus non mudou e calcula que só na área sanitaria da Coruña o número de contaxiados desde o inicio da pandemia atinxiría entre 20.000 e 25.000 persoas.

Hai quen di que o virus mudou e que é menos agresivo. Vostede non defende esa idea.
É unha idea equivocada, porque non podemos comparar os casos de infeccións que hai agora na rúa cos de marzo, cando tiñamos unha fotografía moito máis irreal que a actual. Agora somos nós quen imos á rúa diagnosticar e en marzo diagnosticabamos os que viñan ao hospital á vez que quedaban sen diagnóstico os seus contactos. O feito de que fagamos moitísimas máis probas diagnósticas provoca un incremento do número de casos. A porcentaxe de ingresos mantense igual. A nivel galego, a respecto do total de PCR positivas, entre un 4 e un 5% acaban ingresando. Tendo en conta ese 4-5% dos aproximadamente 900 casos ingresados que tivemos entre marzo, abril e un anaco de maio, o número total de infectados na área sanitaria da Coruña situaríase entre as 20.000 e as 25.000 persoas.

O coronavirus é igual de virulento que antes. Os grupos de risco, que son as persoas maiores ou con comorbilidades que se infectan, teñen hoxe exactamente as mesmas posibilidades de acabar no hospital ingresados, ou mesmo na UCI ou falecendo, que no mes de abril. En canto á xente nova, as porcentaxes mantéñense. Agora atendemos xente que en marzo non viamos e que pasan a enfermidade nas súas casas. Isto dá a falsa imaxe de que é máis leve, pero non.

De feito, ingresan persoas novas.
Si, nesta segunda onda, desde mediados de xullo, houbo un perfil inicial de pacientes que tiña entre 15 e 40 anos. Os ingresados que iamos tendo era, inicialmente, moita xente nova e, precisamente debido a ese perfil, moveuse da hospitalización rápido. O tema é que despois hai transmisión dentro da casa e eses mozos contaxian os pais, outros familiares... A consecuencia: agora estamos a ver un aumento na idade do ingresado e, por tanto, son casos máis graves.

Por que se dá ese incremento a partir de xullo?
Non sei por que se dá nalgunhas determinadas cidades e noutras non. Sendo prudentes, desde o meu punto de vista, afectou o movemento da xente que veu de zonas cunha incidencia da Covid maior a zonas que estaban ben controladas. Por outro lado, ten que haber un control dos pequenos brotes que van xurdindo, mais chega un punto en que se o brote é moi grande a nivel local ou se hai moitos pequenos brotes, ese sistema pode fallar e pode darse un incremento de casos. 

Hai complicacións entre a xente moza?
O venres pasado ingresamos unha moza de 16 anos con pneumonía. Dependendo do día da enfermidade en que estean, hai que ingresar, porque corren o risco de evolucionar mal. Por norma xeral, os pacientes sans e novos, adoitan evolucionar ben. E despois, depende do que entendamos por xente nova. Para min, un señor de 60 que facía vida normal é novo, e hai moita xente dese perfil que se pon moi maliña disto. O azoute da Covid é a xente de entre 60 e 80 anos, cunha vida moi boa, e que ten as súas enfermidades engadidas como a hipertensión ou algunha cuestión cardíaca. Este é o principal problema da Covid.

Que lectura fai do estudo de seroprevalencia do Sergas, que advertía de tan só o 1% da poboación?
Na miña opinión, quedou curto. Facendo a porcentaxe de casos e mortes que temos agora e comparando os números, sáennos unhas cifras de afectados dunhas 25.000 na nosa área sanitaria, sobre unha poboación de medio millón. Isto supón un 5-8% e é bastante superior a ese 1%. Causas disto? Uns test que non podían ser de todo fiábeis, porque eu creo que a poboación era representativa.

Podemos falar de transmisión comunitaria?
Conseguimos estabilizar os casos a uns 500-600 semanais novos na área sanitaria. Hai unha serie de identificadores que nos fan ver que a cousa está estabilizada e que nos permiten unha carga moi asumíbel desde o punto de vista asistencial no hospital, mais iso non quere dicir que non haxa máis repuntes. Hai barrios da Coruña, e mesmo algunhas localidades, nas que pode haber transmisión comunitaria.

Como vai a afectar a volta aos colexios e aos traballos?
Depende das localidades, pois hai zonas máis seguras e preparadas para comezar e outras que poderían estar mellor. Para os nenos, non vai supor problemas, mais si para algunha persoa fráxil que haxa na casa deses nenos. 

En canto ás empresas, deben fomentar o teletraballo sempre que sexa posíbel. É unha medida efectiva mesmo para a propia empresa. Se eu expoño os meus traballadores a corentenas, a ausencias... por casos sospeitosos e podo evitalo estando na casa... O teletraballo é unha medida moi anti-Covid.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/coronavirus-igual-virulento-marzo/20200914204402104971.html


© 2020 Nós Diario