Imprimir

Arca: “As compresas de tea buscan dar unha perspectiva diferente á menstruación”

Mar Álvarez | 18 de novembro de 2020

Carla Arca é a creadora de Outra Idea. (Foto: Nós Diario)
Carla Arca é a creadora de Outra Idea. (Foto: Nós Diario)
Carla Arca, creadora de Outra Idea, expón que as compresas de tea son moito máis duradeiras

Carla Arca, creadora da marca Outra Idea, explica os obxectivos e valores do proxecto. Desde hai dous anos, Arca confecciona compresas de tea co obxectivo de reducir os residuos plásticos e de achegar as mulleres máis a si mesmas. Ademais, Outra Idea pretende crear un espazo seguro que inclúa o colectivo trans. Arca analiza o futuro do proxecto tendo moi presente que é unha marca feita en Galiza e en galego, e asegura que iso vai seguir sendo así.      

Avante Pouca

Como nace a marca Outra Idea?  
É unha mestura entre unha motivación persoal e outra laboral. A nivel persoal sempre me gustou traballar coas mans. Para min é algo case terapéutico. A motivación laboral chegou grazas a un taller que visitei en Barcelona que xusto facía compresas de tea. Foi nese momento cando probei a facelas eu mesma. Cando decidín ir máis alá e crear a marca, elixín o nome de Outra Idea porque pensei que podería simbolizar unha porta aberta a cousas novas, a outras ideas. Penso que os proxectos pequenos deberían presentar un aspecto persoal. A miña marca busca darlle outra perspectiva á menstruación. Eu cambiei a forma de entendela e iso provocou que me achegase moito máis ao meu corpo. Penso que ese é o obxectivo da marca: achegarnos a nós mesmas. Ademais, intento crear un espazo seguro lonxe dos produtos comerciais que tenden a dividilo todo por xéneros. Eu busco que a marca inclúa o colectivo trans dunha maneira na que todas nos sintamos cómodas. Cómpre destacar que a marca tamén dá apoio á autoxestión e aos proxectos pequenos. Penso que é moi importante saber o que se está comprando e a quen se lle está comprando.
 

Avante Media 

Posto que leva o proxecto soa, que procedemento segue para producir as compresas? 
Eu traballo por encargo, polo que levo un rexistro de todos os pedidos que me chegan a través da conta de Instagram. Como traballo soa no proxecto, vou eu mercar as teas, despois córtoas, cósoo todo e, cando os pedidos están listos, lévoos a correos. As compresas están compostas dunha capa exterior que é 100% algodón e dentro levan unha capa absorbente de flanela e outra capa de PUL impermeábel. O PUL está recuberto dun pequeno plástico que é moi duradeiro, a diferenza das compresas habituais dun só uso.

Que acollida tivo a estrea da marca?
Moi boa, a verdade. Comecei coa marca hai case dous anos e nunca deixei de recibir mensaxes de ánimo e de agradecemento ao meu traballo. A min emocióname enormemente comprobar que a xente me devolve nas respostas esa sensibilidade e tenrura coa que traballo. Ademais, faime especial ilusión que a xente entenda os valores que transmito. Sempre tiven claro que Outra Idea é un proxecto galego que traballa en galego, e quero que siga sendo así. Por iso os pedidos son maioritariamente na Galiza.

Avante Toda

Vendo que é un proxecto a longo prazo, que plans de futuro ten para a marca? 
A verdade é que nunca pensei que puidese durar no tempo a nivel laboral. Foi cando me decatei do moito que me gustaba traballar nel cando decidín que non quería deixalo ir tan rápido. Si quero que dure, é a miña idea, crear cousas novas e seguir para adiante. De feito, acabo de mercar unha máquina para cortar as teas, o que me aforra moito traballo e me permite seguir mellorando. Ademais tamén quero ampliar a marca. Xa estou mirando de crear unha páxina web que lle dea máis visibilidade.

Que importancia pensa que teñen este tipo de proxectos en relación ao ecoloxismo? 
A diferenza das compresas habituais que están feitas de plástico na súa totalidade e que só permiten un uso, as compresas de tea poden durar anos. Ademais, penso que é importante desfacérmonos da idea de “comprar e tirar”. É preciso cambiar os hábitos de consumo, pois non chega só con reciclar. Tamén é necesario destacar que as compresas de tea son moito máis saudábeis, pois non presentaren ningún tipo de elemento químico. Os tampóns e compresas habituais están cheos de substancias daniñas para o noso corpo. Outra Idea busca que a xente teña unha menstruación máis consciente, ecolóxica e saudábel.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/compresas-tea-buscan-dar-perspectiva-diferente-menstruacion/20201118201545109352.html


© 2021 Nós Diario