Entre maio de 2019 e febreiro de 2020 perto de mil traballadores e traballadoras da construción naval (960) quedaron sen emprego na Galiza. Son centos de persoas que traballaban para 38 pemes do sector e que agora van recibir axuda de Europa para mellorar a súa empregabilidade.
O Parlamento Europeo aprobou esta terza feira, 20 de outubro, a proposta da Comisión Europea de conceder 2 millóns de euros ao Estado español co obxectivo de financiar medidas para a reciclaxe de 500 traballadores despedidos do sector naval na Galiza.
A medida, que saíu adiante co apoio de 645 das representantes na Eurocámara, fronte a 33 eurodeputados e eurodeputadas que votaron en contra e as nove abstencións que se rexistraron, responde á petición do Executivo español, que pedira axuda ao Fondo de Adaptación á Globalización após os despedimentos rexistrados nos últimos meses.
A axuda cubrirá 60% do custo total das medidas de apoio, que as autoridades españolas cifran en 3,4 millóns de euros. En particular, utilizaranse para ofrecer aos traballadores despedidos orientación laboral, formación, prospección laboral e seguimento no emprego.
Mais a proposta, que brindará novas oportunidades laborais ao persoal que viña realizando a súa actividade nos estaleiros galegos, está acompañada dun informe que non debuxa un futuro moi esperanzador para o sector no país.
Tendencia á baixa
O informe do Executivo comunitario argumenta que a crise económica de hai unha década xa afundiu á metade os pedidos aos estaleiros galegos, que rexistraran un gran crecemento os anos anteriores grazas, na súa maior parte, aos novos pedidos procedentes de Asia.
Como destaca o documento de Bruxelas, a tendencia á baixa no sector mantívose desde entón, un feito que, sumado ao crecemento dos estaleiros asiáticos nos últimos anos, provocou unha sobre capacidade a nivel mundial e a caída dos prezos no sector. A falla de modernización tamén xogou en contra.