A xustiza amplia en tres pezas a investigación no caso do Sindicato de Traballadores de Limpeza da Coruña

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tamén solicitou comparecer como acusación particular na causa contra STL. "A día de hoxe aínda non temos resposta", asegurou o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez.
Colectores durante a folga de recollida do lixo na Coruña en abril de 2022 (Foto: M. Dylan 7 Europa Press).
photo_camera Colectores durante a folga de recollida do lixo na Coruña en abril de 2022 (Foto: M. Dylan 7 Europa Press).

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña abriu tres pezas separadas á marxe do procedemento principal que investiga os delitos de corrupción entre particulares, branqueo de capitais e estafa contra cinco persoas e outras tantas organizacións, incluído o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL) da cidade herculina.

Así o informaron desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Engaden que desde que se alzou o secreto de actuacións fixéronse efectivas "medidas cautelares de natureza patrimonial", con intervención e embargo preventivo de saldos de contas bancarias dos investigados, intervención de vehículos e prohibicións de dispor sobre determinados bens da súa titularidade, medidas que foron recorridas e están pendentes de resolución.

Segundo sinalou o alto tribunal, a xuíza fragmentou o procedemento nunha peza separada para investigar unha fraude á Seguridade Social, por simulación de baixa laboral, cometido supostamente por dúas persoas. Ademais, abriu unha segunda peza por delito de descubrimento e revelación de segredos de empresa polo que figuran tres investigados.

A maxistrada tamén abriu outra peza independente para outro caso de descubrimento e revelación de segredos en relación cun expediente tramitado polo Concello da Coruña no cal figura unha persoa e dúas empresas involucradas. Respecto a esta última, admitiuse o persoamento solicitado polo Goberno local, en calidade de prexudicado.

Acusación particular da CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tamén solicitou comparecer como acusación particular na causa contra STL. "A día de hoxe aínda non temos resposta", asegurou o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez.

Con todo, afirmou que llo notificarán "en breve" e que esperan que sexa "aceptada" ao considerar que teñen "dereito a estar presentes en todo o proceso como afectados".

En canto á ampliación da investigación do caso, Pérez sinalou que descoñece os feitos concretos debido a que non teñen acceso á información. Con todo, insistiu en que o líder sindical e inspector xefe da concesionaria de recollida de lixo, Miguel Ángel Sánchez, imputado na causa, facía "toda clase de aldraxes". "Agora descubriranlle algunhas pero non sei exactamente até que punto poden probalas", puntualizou.

Comentarios