Persoal da planta de lixo da Coruña pide ao Concello detalles do novo modelo de residuos

Os traballadores non descartan convocar máis xornadas de folga se a empresa teima en conxelar salarios e non recuperar os dereitos xa recoñecidos.
cig nostian
photo_camera cig nostian

O presidente do comité de UTE Albada, empresa que xestiona o tratamento de lixo de Nostián (A Coruña), Hadrián Canosa, instou o Concello da cidade a que "aclare que modelo quere para a planta" e comunique as "datas concretas" de publicación do anteproxecto dos pregos de condicións.

Así o manifestou a través dun comunicado no que solicitou o informe económico do estudo de viabilidade aprobado a pasada segunda feira por parte do Goberno municipal para licitar a xestión da planta de residuos de Nostián e que "implica un cambio no modelo de xestión de residuos".

Segundo Canosa, na reunión mantida a quinta da semana pasada coa concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, non se fixo referencia á "existencia" deste informe, á súa "inminente aprobación" ou a un cambio no modelo.

A respecto da reunión da mesa do convenio convocada para a vindeira cuarta feira, día 14, Canosa sinalou que esperan que a empresa presente unha "proposta seria que permita afrontar unha negociación real e avanzar nun acordo definitivo".

En función do resultado desta cita, os traballadores decidirán en asemblea as seguintes "medidas" de protesta, "non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga e mesmo intensificando a súa duración".

Segunda xornada de paro

Segundo a CIG, a segunda xornada de folga en demanda dun convenio "digno" iniciada esta terza, día 6, ás 22 horas, está a ter un seguimento do "100% do persoal" e unha actividade "mínima" nas instalacións. A protesta finalizará ás 22 horas desta cuarta.

Os traballadores, explica, mobilízanse tras levar máis dunha década cos "soldos conxelados" e con "recorte" nas súas condicións laborais e sociais despois do decaemento do anterior convenio colectivo o 1 de xaneiro de 2020. Por este motivo, reclaman á empresa que "sente a negociar" un convenio "digno".

A central nacionalista confirmou que non se produciron "movementos" por parte de Albada que permitan desconvocar a xornada de folga prevista para esta quinta feira, día 8, desde as 22 horas até as 22 horas da sexta, 9 de decembro.

O persoal non descarta convocar máis días de apro se a empresa teima en conxelar salarios e non recuperar os dereitos xa recoñecidos, recalca a CIG.

Comentarios