Xustiza

A Xunta leva ao Supremo a sentenza que ampliaba a 22 semanas o permiso de paternidade dun empregado público

Desde o Goberno galego defenden que ese veredicto "non é de aplicación xeral", senón a "un caso concreto", polo que, "en aras de dar seguridade xurídica e de cumprir coa normativa vixente", ven necesario pedir o pronunciamiento do Supremo.
Rolda de prensa de Alfonso Rueda após o Consello da Xunta da pasada semana. (Foto: Arxina)
photo_camera Rolda de prensa de Alfonso Rueda após o Consello da Xunta da pasada semana. (Foto: Arxina)

O Goberno galego vén de ratificar o recurso ao Tribunal Supremo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que o pasado mes de xuño concedeu a un empregado público da Xunta as seis semanas de permiso adicional, a maiores das 16 estabelecidas por paternidade —o que fai un total de 22—, en igualdade de condicións coas nais biolóxicas.

Fontes da Consellaría de Facenda citadas pola axencia Europa Press argumentaron que se trata dun veredicto que "non é de aplicación xeral" de por si a todos os empregados públicos, senón a "un caso concreto". Por esta razón, "e en aras de dar seguridade xurídica e de cumprir coa normativa vixente", ven necesario pedir o pronunciamiento do Supremo. De forma paralela, salientan que Galiza "foi pioneira no seu momento co aumento até as 22 semanas do permiso de maternidade, seis máis do que marca a lei estatal".

A CIG acusa a Xunta de "resistirse a recoñecer a igualdade de dereitos na duración do permiso por nacemento"

Fronte a esta decisión, a CIG enviou un comunicado no que acusa a Administración galega de "resistirse a recoñecer a igualdade de dereitos na duración do permiso por nacemento". O sindicato lembra que xa lle demandara no pasado que aplique de forma xeral a todo o persoal da Xunta "este novo dereito recoñecido na sentenza" e lamenta que, lonxe diso, trate de "gañar tempo" mediante un recurso de casación ante o Supremo.

"Animamos todos os pais ou nais non biolóxicas cuxo fillo ou filla aínda non cumprise os 12 meses a presentar unha solicitude ante o órgano de persoal que corresponda para prolongar [o permiso] seis semanas, se xa está a gozar ou finalizou o permiso de 16 semanas, ou a gozar das 22 semanas se o nacemento prodúcese máis adiante", apuntan desde a CIG.

Ao mesmo tempo, lembran que é un dereito a reclamar no primeiro ano de vida do menor para "non perdelo". E que o persoal a soldo da Administración pública perda ese dereito, afirman desde a central sindical, "é o único que busca a Xunta, que primeiro lexisla sen ter en conta a discriminación en materia de igualdade para despois negarse á evidencia de estender un dereito que descansa, precisamente, na corresponsabilidade plena nos coidados e a crianza".

Sentenza

Nunha sentenza emitida o pasado 6 de xuño, os maxistrados da Sala do Social do TSXG estimaban un recurso de suplicación interposto por este traballador do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Administración galega, contra a sentenza de primeira instancia que desestimara a súa petición.

O auto do alto tribunal galego afirmaba que o artigo 124.1 da Lei de emprego público da Galiza "é contrario" a unha directiva europea do ano 2019 —aínda non trasposta ao dereito español, malia que xa expirou o prazo para facelo— sobre conciliación que avoga por, entre outros asuntos, unha "repartición igualitaria das responsabilidades no coidado", para o que se fan necesarias solucións legais no ámbito laboral.

Ademais, o TSXG considera que o citado precepto da lei galega de emprego público contradí o artigo 14 da Constitución e a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Por iso, os maxistrados revogaron a sentenza de instancia e declararon o dereito deste traballador público a gozar, en contra do que di a normativa galega, dun permiso por nacemento de fillo doutro seis semanas de duración —que si tiñan recoñecido as nais ou proxenitores xestantes—, a maiores das 16 que lle recoñeceu a Administración.

Comentarios