UXT continúa a súa campaña de denuncia da precariedade laboral en Zara

Demanda que 60 contratos eventuais pasen a indefinidos. Este ano, Inspección de Traballo xa tería obrigado o xigante textil a regularizar a situación de 30 traballadoras temporais.

UXT Zara
photo_camera Concentración nun Zara de Compostela en maio deste ano.

O mesmo día en que Inditex reunía a súa xunta xeral de accionistas —a compañía obtivo un beneficio neto de 668 millones de euros o primeiro trimestre deste ano fiscal, cuns ingresos por vendas de 5.654 millones en idéntico período— a UXT realizaba unha concentración en Compostela para denunciar a política laboral da compañía. A mobilización producíase en paralelo ao xuízo polo despedimento de dúas traballadoras de Zara.

A principal demanda da UXT é que certos contratos eventuais, que a central reputa como "fraudulentos", se tornen en indefinidos. Estima que a situación afectaría por volta de 60 persoas. Segundo dados fornecidos polo sindicato, no que vai de ano Inspección de Traballo xa tería obrigado Inditex a regularizar 30 contratos eventuais.

En declaracións a Radio Coruña-SER, Álvaro Cagigal, de UXT Comercio, afirma taxativo que "a propia empresa sabe que eses contratos son fraudulentos", polo que "non teríamos que chegar ao xulgado". Nos actos de conciliación tidos até o de agora, a compañía veu oferecendo ás persoas demandantes indemnizacións por despedimento improcedente, sinal de que admiten que a situación contractual destas traballadoras era irregular. "Se son persoas útiles, se recoñecen que os contratos terían que ser indefinidos, por que chegamos a esta situación, por que chegamos ao xulgado?", pergúntase Caxigal.

Inditex oferece unha indemnización por despedimento improcedente, mais as traballadoras o que queren é manter o seu emprego, din desde a UXT. A compañía non contempla polo momento a hipótese de as reintegrar ao seu posto de traballo. De acordo co expresado por Cagigal á axencia EFE, Zara só voltaría a contratar as traballadoras "se hai unha sentenza dun xuíz". Ese escenario é altamente improbábel, pois a restitución do emprego só se produce se o tribunal resolve que existe un despedimento nulo [nun improcedente, a empresa ten a faculdade de decidir entre a indeminización e o reingreso no cadro de persoal, normalmente opta pola primeira].

As traballadoras afectadas levan algunhas desde 2009 e outras desde 2012 nunha situación de precariedade, "sen calendarios laborais estábeis, sen vacacións e cun menor salario, posto que non acumulan antiguidade", denuncia Cagigal.

Comentarios