UGT e CCOO esixen nas rúas “emprego de calidade”

Cos datos da EPA como pano de fondo e as case trescentas mil persoas desempregadas na Galiza, UGT e CCOO saíron ás rúas nestes primeiro de maio co lema “sen emprego de calidade non hai recuperación”. Milleiros de persoas xuntáronse nas nove manifestacións convocadas polas dúas centras sindicais estatais na Galiza. 

Manifestación CCOO-UGT en Vigo
photo_camera Manifestación CCOO-UGT en Vigo

A rúas da Coruña, Ferrol, Compostela, Viveiro, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo foron atravesadas por milleiros de persoas que, convocadas por CCOO e UGT, responderon ao lema “Sen emprego de calidade non hai recuperación”. 

"As manifestación respondía ás políticas de austeridade impostas polo gobernos central e galego ademais dos organismos internacionais"

A de Vigo foi a mobilización central que contou coa presenza dos secretarios xerais da Galiza de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez. Ambos líderes sindicais sinalaron que esta conmemoración obreira responde con contundencia ás políticas de austeridade impostas polo gobernos central e galego ademais dos organismos internacionais. Segundo engadiron, o resultado destas políticas neoliberais está a ser unha maior desigualdade, índices de pobreza que xa non se lembraban e un progresivo recorte de dereitos sociais e laborais. Referíronse tamén ás vindeiras eleccións europeas e á necesidade de optar por organizacións que se opoñan ao actual modelo de recortes e precarización. 

Nos discursos finais, lembraron os datos que se fixeron públicos hai dous días da enquisa da poboación activa e que sitúan en 269.900 as persoas desempregadas cunha taxa de desemprego do 23,2%. O desemprego é, polo tanto, o primeiro problema e o emprego a principal necesidade, dixeron. Reclamaron un acordo para o emprego coa integración de “forzas políticas e os interlocutores sociais e procure o cambio do modelo produtivo asícomo o mantemento e afondamento nos servizos e prestacións do estado do benestar”.

Comentarios