Xustiza

Condenada unha empresa galega por impedir a unha traballadora fraccionar as vacacións para conciliar

A muller precisaba dividir as vacacións en tres períodos para atender as citas médicas do seu fillo, que padecía unha enfermidade que o obrigaba a asistir con frecuencia ao hospital.
oficina (Foto: Nós Diario)
photo_camera O motivo desta petición é a enfermidade que padece o fillo da demandante. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de ratificar a condena imposta a unha empresa galega que impediu a unha empregada fraccionar as súas vacacións en tres períodos para atender unha cita médica do seu fillo. Na súa sentenza, o alto tribunal galego considera que se vulnerou o dereito fundamental da muller á conciliación da vida persoal e laboral de forma non xustificada e avalou que a compañía a indemnice con 3.000 euros polos danos morais ocasionados.

Os feitos remóntanse ao pasado ano, cando a muller enviou un correo electrónico á súa supervisora pedíndolle fraccionar en tres partes as súas vacacións. A superior contestoulle alegando que debía cinguirse ao disposto no convenio colectivo, que estabelece que as vacacións poderán ser divididas en dúas quincenas.

Malia que a muller reiterou a súa petición alegando "problemas persoais", foille denegada de novo. A sentenza recolle que o motivo desta petición é a enfermidade que padece o fillo da demandante, que o obrigaba a asistir con frecuencia ao médico. De feito, apunta, tiña unha consulta hospitalaria en Asturias en setembro e ese mesmo mes foi operado.

Que di o convenio?

Tal e como recolle o auto, o convenio colectivo de aplicación á traballadora, de axuda a domicilio, "non impide" o fraccionamento dos períodos vacacionais, se non que estabelece que deben gozarse nun período de 30 días ou dous de 15 de forma xeral, "excepto acordo entre a empresa e as persoas traballadoras".

Consecuentemente, critica que non se chegase a este acordo tendo en conta que a denunciante "demostrou as razóns ou necesidades de conciliación reais", mentres que a empresa "nada probou acerca das dificultades para conceder o fraccionamento baseadas nas súas necesidades produtivas ou organizativas".

Aliás, o tribunal apunta que esta opción de fraccionamento xa fora concedida a outra traballadora e que tanto á coordinadora como á axudante de coordinación "permíteselles fraccionar as súas vacacións en máis de dous períodos porque se substitúen entre elas".

Comentarios