Traballadores e traballadoras de Albo en Celeiro concéntranse para exixir a continuidade da fábrica

Aliás, demandan a intervención "decidida" do Goberno galego para evitar a perda de até 42 postos de traballo.
Conserveira Albo, actualmente no concello de Viveiro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Conserveira Albo, actualmente no concello de Viveiro. (Foto: Nós Diario).

Traballadores e traballadoras da fábrica da conserveira Albo na localidade de Celeiro, no concello de Viveiro, concentraranse esta quinta feira para exixir a continuidade da actividade nas instalacións, polo que piden á Xunta a súa intervención.

Tal como indicou a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado, na primeira reunión da comisión de negociación do expediente de mobilidade xeográfica, formulado pola empresa, a organización sindical volveu reclamar que se manteña a actividade nesta factoría e que se respecten todos os postos de traballo.

Por iso, a CIG demandou tamén unha intervención "decidida" do Goberno galego para evitar un novo golpe no emprego e na industria da comarca da Mariña.

42 persoas poden ir á rúa

A central sindical asegura que permitir que o grupo empresarial Xangai Keichuang peche a planta, que leva en funcionamento desde 1924, deixaría na rúa 42 persoas, a maioría dunha idade de "difícil" reinserción laboral.

"A mobilidade xeográfica que formula Albo non constitúe ningún tipo de alternativa para 90% das traballadoras, para as cales a decisión empresarial vai ser traumática e non poden asumir este cambio a máis de 270 quilómetros dos seus fogares polo custo económico que lles supón", lamentou Susana Riveira, da CIG da Mariña.

Esta quinta feira os traballadores e traballadoras comezarán cun calendario de concentracións e folgas para esixir as súas reivindicacións. A manifestación de hoxe terá lugar a partir das 15 horas diante da fábrica.

Ademais, para os días 27 e 29 de xuño e 4 e 6 de xullo están convocados paros parciais de dúas horas que se desenvolverán de 10 a 12 horas, con manifestacións en diferentes puntos da comarca durante ese tempo.

Comentarios