domingo 19/09/21

Facenda permitirá a traballadoras en ERTE fraccionar o pagamento do IRPF en seis meses

As contribuíntes afectadas por un ERTE terán de prazo desde o 20 de xullo até o 20 de decembro para o pagamento dos seus tributos.

A declaración da renda pode saír a ingresar se a retención foi máis baixa do que correspondía
A declaración da renda pode saír a ingresar se a retención foi máis baixa do que correspondía

O Ministerio de Facenda aprobará nos próximos días un cambio normativo para permitir fraccionar o pagamento do IRPF durante seis meses e sen o cargo de intereses ás persoas afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).

Até o de agora, a lei exixía a presentación de declaración da renda cando os rendementos do traballo son inferiores a 22.000 euros se proceden de un só pagador, pero agora, se hai máis de un, como é o caso das persoas afectadas por un ERTE, a cifra baixa aos 14.000 euros se se ingresaron máis de 1.500 euros polo segundo e restantes pagadores. A Axencia Tributaria apuntou a semana pasada que este ano haberá uns 327.000 novos declarantes que cumpran con estes supostos.

As axudas por ERTE tributan como rendementos do traballo que realiza un pagador distinto ao empregador, que é o Servizo Público de Emprego (SEPE).

As retencións mensuais do IRPF incluídas nas nóminas durante o exercicio anticipan o que se lle debe ao fisco e, despois, na declaración, axústanse contas, pero o SEPE non está obrigado a aplicar eses adiantos se os importes son inferiores a 14.000 euros, agás que o contribúente o solicitase.

Isto significa que a declaración da renda pode saír a ingresar se a retención foi máis baixa do que correspondía, xa que o imposto grava a suma de todos os rendementos.

A Axencia Tributaria está remitindo cartas informativas aos novos declarantes nas que se informa de que poderán optar por fraccionar o pagamento en seis partes iguais sen intereses se a declaración lles sae a pagar: o primeiro será o 20 de xullo e o derradeiro o 20 de decembro. A posibilidade está aberta a todos as persoas contribuíntes que tiveron un ERTE en 2020, tamén ás que non son novas declarantes.

Esta novidade será aprobada por unha orde ministerial que se publicará nos próximos días.

Por outro lado, as 460.000 persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital tamén estarán obrigadas a presentar a súa declaración do IRPF. A prestación está exenta, pero é preciso declarar como rendementos do traballo os importes que superen os 11.279,39 euros (1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, IPREM) se, ademais do ingreso mínimo, se perciben outras axudas para colectivos vulnerábeis.

Pola súa banda, a dedución por maternidade tamén sufrirá algunhas modificacións. En concreto, aquelas nais que estivesen en ERTE coa suspensión total da xornada non terán dereito á dedución durante o período que estivesen nesa situación.

comentarios