As traballadoras do SAF compostelán mobilízanse ante o pleno municipal

O persoal denuncia que cobra por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
Persoal do SAF compostelá manifestouse ante o salón de plenos (Foto: Arxina).
photo_camera Persoal do SAF compostelá manifestouse ante o salón de plenos (Foto: Arxina).

Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Santiago mobilizáronse esta terza feira diante do Pazo de Raxoi, onde decorría o pleno municipal, no contexto da xornada de folga convocada polo persoal. 

A mediodía trasladaron as súas protestas a Área Central, onde están as oficinas da empresa concesionaria do Servizo, Servisar. O persoal demanda que o Concello actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio, xa que segundo denuncian, aínda non se actualizaron os salarios co IPC do último exercicio.

Por outra parte, as traballadoras do SAF de Compostela solicitan "que se estabeleza unha zonificación para reducir distancias", que se impoña unha "fichaxe personalizada" e que "haxa unha persoa coordinadora de referencia por zona".

Servizos mínimos abusivos

O persoal do servizo denuncia que "desenvolve o seu traballo nunhas condicións de precariedade insostíbeis" e que "os seus salarios brutos non chegan ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI)". Por outra parte, sinalan que "o seguimento da folga foi total" mais que están a sufrir uns servizos mínimos “abusivos e mal organizados”.

Estes servizos mínimos abusivos, di o persoal, "impiden a todas as compañeiras participar nas protestas para reivindicar, non só melloras laborais, senón tamén o recoñecemento social e a valorización que merecen os traballos de coidados".

Quilómetros polo concello no seu coche particular

As auxiliares de axuda no fogar "teñen que percorrer quilómetros e quilómetros diarios, nos seus coches particulares, para ir de casa en casa a atender as usuarias e usuarios". En consecuencia, denuncian que "ninguén compensa os gastos derivados do uso dos seus vehículos mais tamén a mala organización dun servizo no que non son poucas as veces que se cruzan entre elas nos traxectos". 

Esta terza feira nos seus cánticos, apuntaban á responsabilidade do propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, pola situación do SAF. "Esta xornada de folga non será a última de mobilizacións", avisaron, pois a súa intención é acompañar ao alcalde "en todos os actos públicos que teña para ver se así atende ás súas demandas".

Comentarios