A CIG denuncia o elevado número de agresións que padece o persoal do SAF

Unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar foi golpeada en Dodro.
Protesta da CIG en reivindación dun convenio xusto para o SAF, o pasado novembro en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta da CIG en reivindación dun convenio xusto para o SAF, o pasado novembro en Ferrol (Foto: Nós Diario).

Despois de transcender a agresión dunha usuaria a unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Dodro, a federación de Servizos da CIG manifestou esta terza feira que, por desgraza, “nin é a primeira, nin será a última”.

Así mesmo, a central sindical nacionalista trasladou toda a súa solidariedade coa traballadora agredida e amosou a súa dispoñibilidade para axudar en todo o apoio que precise.

A secretaria nacional da federacións de Servizos da CIG, María do Tránsito Fernández, denunciou que as traballadoras deste sector absolutamente feminizado e precarizado “veñen sufrindo non só agresións, senón tamén, por desgraza, acosos de carácter sexual provocados por familiares das persoas usuarias, así como polas propias persoas dependentes”.

Fernández lembrou como funciona este servizo, onde a Xunta da Galiza e os Concellos teñen parte activa, adxudicándolles ás empresas esta prestación "sen que na maioría dos casos, cubran o salario das traballadoras".

A maioría das veces, afirmou, o sindicato "ten que impugnar os concursos para reclamar que se respecten as condicións que marca o convenio colectivo, que segue sen ser negociado a día de hoxe”.

Caso omiso

A sindicalista explicou que na maioría dos casos, a traballadora comunica o abuso directamente a empresa, “mais esta, en moitas ocasións, fai caso omiso, cambiando a traballadora de lugar e poñendo a outra no mesmo domicilio á que lle vai pasar o mesmo, mais sen resolver o gran problema”.

Denuncia ademais que moitas veces as empresas "aluden á protección de datos, poñéndoa de escusa". A CIG, explicou, "elabora protocolos de actuación coas empresas do sector que despois se lle comunican aos Concellos".

Comentarios