Traballadoras do comercio da alimentación conseguen unha suba salarial de 13% após a folga do sector

A CIG atribúe a última oferta da patronal ao "apoio masivo" á folga convocada o pasado 23 de xuño.
Asemblea de traballadores e traballadoras do comercio de alimentación para acordar a suspensión da folga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Asemblea de traballadores e traballadoras do comercio de alimentación para acordar a suspensión da folga. (Foto: Nós Diario)

Persoal do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra decidiu suspender os dous días de folga previstos para estas cuarta e quinta feira ante a última proposta de convenio colectivo ofrecida pola patronal, que supón unha suba salarial de 13% nos catro anos de vixencia do documento. Tal e como vén de informar a CIG a través dun comunicado, a parte empresarial da negociación propuxo agora o citado incremento de 13%, con cláusula de revisión salarial co IPC real e con carácter retroactivo, após as protestas dos traballadores.

En concreto, no presente ano 2023 a suba salarial será de 5%, mentres que en 2024 e 2025 o incremento será de 3%, e de 2% en 2026, revisábeis en todos os casos ao avance da inflación por se superase estas contías.

Desde o sindicato, precisan que o avance nas negociacións "foi posíbel após a convocatoria de dous paros de 24 horas lanzados pola CIG", polo que a patronal convocou o comité de folga a unha reunión a pasada sexta feira na que trasladou unha serie de propostas que finalmente foron aceptadas en asemblea por traballadores do sector. Por iso, suspendéronse os paros coa intención de seguir negociando e fechar o convenio.

Entre outras cuestións, a patronal tamén ofreceu un día máis de vacacións e dous sábados libres ao ano, así como catro días de libre disposición. Así mesmo, aceptou varias cláusulas sobre violencia de xénero e igualdade, así como no referido á xubilación parcial.

Desde a federación de Servizos da CIG salientan que a loita das persoas traballadoras do sector, que secundaron masivamente a xornada de folga convocada o pasado 23 de xuño, e a negociación protagonizada pola central sindical "fixo posíbel que a patronal se vise obrigada a pór enriba da mesa estas melloras, e así se lle trasladou a todas as persoas asistentes ás asembleas" decorridas esta segunda feira.

A partir de agora, unha vez referendados os acordos en asemblea polo conxunto do persoal afectado, a CIG-Servizos porase en contacto co empresariado para informarlle sobre a decisión adoptada e seguir avanzando, deste modo, na negociación do convenio.

Comentarios