Ensino

As traballadoras das escolas infantís volverán á folga ante a "falta de avances na negociación"

Como na primeira xornada de folga que, indican “foi un éxito”, o persoal mobilizarase novamente nas cidades de Vigo e A Coruña.
Mobilización de persoal de escolas infantís esta quinta feira en Vigo (Foto: Pedro Davil / Europa Press).
photo_camera Mobilización de persoal de escolas infantís esta quinta feira en Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, volverán á folga esta cuarta feira, 25 de outubro, en resposta ao “bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo, cuxas táboas xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional”, segundo alertan os sindicatos CIG-Ensino, CCOO-Ensino e SNEP.

Como na primeira xornada de folga que, indican “foi un éxito”, o persoal mobilizarase novamente nas cidades de Vigo e A Coruña.

Nesta última, a mobilización será ás 11.30 desde a Praza de Pontevedra até o Obelisco, pero ademais, de non rectificar o Concello da Coruña os abusivos servizos mínimos decretados para as escolas infantís municipais (de xestión privatizada), a protesta continuará dende o Obelisco até a Praza de María de Pita, alertan.

Pola súa parte, en Vigo, a mobilización será ás 12 horas diante do Marco e o persoal irá en manifestación até a Porta do Sol.

O convenio

"As organizacións sindicais convocantes manifestamos o noso total e absoluto malestar coa marcha das negociacións actualmente, que se iniciaron hai máis dun ano, nas cales as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector. Tamén denunciamos o incumprimento do compromiso alcanzado en xullo e a ruptura da unidade sindical para voltar ao entreguismo, por parte de UXT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país", sinalaron a través dun comunicado.

"Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta canto antes o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. Chamamos á responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector", aseveran ao tempo que aproveitan para subliñar que as propias patronais "negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector".

Comentarios