Un traballador da factoría de Alcoa na Coruña detido e momentos de tensión coa policía española marcan a concentración que operarios da multinacional do aluminio e de Ferroatlántica fixeron esta quinta feira diante do Congreso. O operario xa foi posto en liberdade.
Os traballadores e traballadoras – das plantas da Coruña, San Cibrao e Avilés- concentráronse na madrileña Carreira de San Xerome, que foi cortada ao tráfico, para exixir un maior compromiso do goberno español para co sector electrointensivo. Consideran "insuficiente" a proposta de estatuto electrointensivo proposta desde o Executivo e advirten de que están en xogo miles de empregos no sector.
🚨 Incidentes dos manifestantes de Alcoa coa policía en Madrid https://t.co/eLoqv7SJeW pic.twitter.com/KkedRlKjhT
— TVG (@TVGalicia) 28 de marzo de 2019
Ao intentar achegarse ao Congreso, a policía cargou contra os e as traballadoras, detendo un deles. Houbo momentos de tensión protagonizados por algúns axentes cos parlamentares galegos de En Marea Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, así como con Alberto Garzón (Izquierda Unida) e Rafa Mayoral (Podemos). Deputados e deputadas de Unidos Podemos interpuxéronse entre a Policía e os traballadores.
O Parlamento galego aprobou por unanimidade esta semana unha iniciativa pola cal se solicita ao goberno español que modifique o borrador do estatuto de consumidor electrointensivo e teña en conta as alegacións presentadas pola Xunta.