domingo 18/04/21

O teletraballo calla na Galiza e aumenta en 32.500 persoas desde o inicio da pandemia

O crecemento, de 33,6%, é dos máis baixos do Estado español e representa máis da metade da media (74,2%).
Na actualidade hai preto de 130.000 persoas na Galiza que, aínda que sexa ocasionalmente, traballan desde o seu fogar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Na actualidade hai preto de 130.000 persoas na Galiza que, aínda que sexa ocasionalmente, traballan desde o seu fogar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A pandemia da Covid-19 e as medidas adoptadas polos distintos gobernos para frear a súa propagación condicionaron hai un ano o mercado laboral de todo o mundo. O teletraballo, que medraba paseniño da man dos avances tecnolóxicos e da implantación de medidas de conciliación nas empresas, experimentou un crecemento sen parangón como consecuencia das limitacións á mobilidade e ao contacto interpersoal. 

Un ano despois do inicio do confinamento, Galiza conta na actualidade con 129.300 persoas que teletraballan, polo menos ocasionalmente. Son 32.500 teletraballadores e teletraballadoras máis que hai un ano. É dicir, agora 1 de cada 8 persoas ocupadas na Galiza traballa, polo menos de maneira ocasional, desde o seu fogar. 

Este récord histórico, consecuencia da crise sanitaria, supón un incremento de 33,6% no número de persoas que teletraballan, e que representan 13,3% das persoas ocupadas. Con todo, o crecemento na Galiza é moito menor que no conxunto do Estado español, onde o traballo desde o fogar medrou 74,2%, é dicir, o dobre que na Galiza. 

Así se desprende dos datos da segunda entrega da análise do centro de estudos do Grupo Adecco sobre a evolución do teletraballo e o emprego a tempo parcial durante a pandemia na Galiza, que destaca que "a pesar da significativa expansión do teletraballo ao longo dos últimos meses, a inserción desta modalidade laboral na Galiza está moi por detrás da maioría de países da nosa contorna".

Neste senso, apunta que, mentres a proporción de persoas teletraballando no total de ocupadas ascende a 13,3% na Galiza, a media de territorios da Unión Europea sitúase no 21,5%. 

Na mesma liña, tamén constata un "comportamento dispar" entre territorios no que a evolución do traballo desde casa se refire. O dato a salientar é que todos eles presentan taxas de crecemento interanuais positivas na proporción de persoas ocupadas que teletraballan, mais existen "diferenzas importantes". Así, territorios como Madrid e Catalunya multiplicaron duplicaron e mesmo triplicaron as súas cifras, con incrementos interanuais de 200% e 119%, respectivamente. En troques, outros como Aragón, Estremadura e País Valencià presentan incrementos inferiores a 20% (9,9%, 16,3% e 18,2%, respectivamente). Galiza sitúase por baixo da media. 

Cae o emprego parcial

Por outra banda, o informe tamén analiza a situación do emprego parcial, onde Galiza destaca entre os territorios nos que se destruíu tanto emprego a tempo parcial como postos de traballo a xornada completa. Así, o número de persoas ocupadas con contratos de media xornada descendeu en 12.500 persoas (-8,2% interanual), á vez que se perderon 2.600 empregos a tempo completo (-0,3%). É dicir, máis de 80% dos empregos perdidos na Galiza ao longo de 2020 eran de tempo parcial.

Isto levou a que a proporción de persoas ocupadas a tempo parcial descendese por terceiro trimestre consecutivo: un punto porcentual menos que un ano antes, quedando en 13,2%. Trátase da menor penetración do emprego a tempo parcial na Galiza desde o ano 2012.

comentarios