O teletraballo avanza na UE e no mundo

Tras a experiencia forzada pola situación de crise sanitaria, os Estados da Unión Europea que non o fixeran antes comezan a lexislar sobre os dereitos e obrigas do  traballo a distancia. Esta modalidade vai cobrando forza en todo o mundo, aínda que é nos países do centro e do norte de Europa onde está máis estendida.
working_from_home_eurostat
photo_camera Porcentaxe de empregados entre 15 e 65 anos que habitualmente teletraballaban antes da pandemia (Eurostat / Nós Diario)

Antes da pandemia, arredor de 5% dos traballadores da Unión Europea facíano habitualmente desde a casa. A cifra incrementouse exponencialmente a raíz da crise sanitaria, mais comeza a regresar ás cifras previas na maioría dos Estados membros. Esta porcentaxe mantívose constante durante a última década, mais rexistrou un incremento notábel na porcentaxe dos que o facían ocasionalmente. Son datos de Eurostat, a oficina de estatística da Comisión Europea.

Segundo as últimas cifras, os países que máis apostan polo teletraballo son os do centro e do norte de Europa. Países Baixos (14%), Finlandia (13,3%) e Luxemburgo (11%) sitúanse no podio, mentres que na cola están dous membros do leste, Bulgaria (0,3%) e Romanía (0,4%).

O coronavirus veu mudar as circunstancias e empresas e traballadores víronse forzados a asumir unha situación para a que, na súa maioría, non estaban preparados. Con todo, foi nos Estados onde xa estaba máis estendida que esta práctica máis medrou. Finlandia (59%), Luxemburgo (56,8%) e Países Baixos (53,9%) mantivéronse no máis alto, segundo un estudo elaborado por Eurofound, a Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e de Traballo, dependente da UE. 

Picos na pandemia

Nos grandes Estados tamén se rexistrou un importante aumento. Italia pasou de 3,6% a 40,8%; Francia de 6,6% a 37,2%; e Alemaña de 5% a 36,9%. No Reino Unido, en proceso de saída da UE, incrementouse de 4,4% a 52,8%. Portugal contaba con cifras por riba da media comunitaria antes da pandemia da Covid-19 (6,1%), unha porcentaxe que aumentou a 38,3% durante o pico máis alto da crise sanitaria, de acordo cos datos recollidos por Eurofound entre o 9 e o 30 de abril.

España, onde na terza feira, 1 de setembro, se reuniron o Goberno e os axentes sociais para negociar a lei de traballo a distancia, ofrece datos máis apoucados. Antes da pandemia, a porcentaxe estaba por baixo da media da Unión Europea (4,3%) e durante a crise sanitaria tan só se elevou a 30,2%. Precisamente a falla de lexislación que especifique os dereitos e as obrigas de traballadores e empresarios é unha das causas destas baixas porcentaxes.

Tras a fin do estado de alarma, o 21 de xuño, o Goberno español decidiu prorrogar tres meses o bloque normativo estabelecido por causa do coronavirus e que pide potenciar o traballo a distancia. Este caduca o próximo 21 de setembro, cinco días despois do Día Internacional do Teletraballo. 

Pros e contras

A data estabeleceuse en 2013 a iniciativa da Cepal, a Comisión Económica para América Latina e o Caribe, organismo dependente da ONU e responsábel de promover o desenvolvemento económico e social da rexión. 

Alí, segundo datos da Cepal, o número de descargas de programas que facilitan traballar desde a casa multiplicouse por 20 durante os últimos meses. Porén, sinala que "dadas as características das súas ocupacións ou a falla de ferramentas dispoñíbeis para realizalo, non todos os traballadores tiveron a oportunidade de continuar as súas actividades desde a casa".

O teletraballo, defenden desde o organismo das Nacións Unidas, "fomenta a inclusión sociolaboral, conciliando a vida laboral coa persoal dos teletraballadores, e aumentando a produtividade e o crecemento daqueles países que o aplican".

Ademais, estabeleceuse o 16 de setembro como o Día Internacional do Teletraballo xa que coincide co Día Mundial para a Conservación da Capa de Ozono. O traballo a distancia relaciónase coa protección do ambiente dado que permite reducir os desprazamentos e, polo tanto, as emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro.

Porén, os seus críticos consideran que podería aumentar o sedentarismo e o risco de non desconectar e de traballar máis horas das estabelecidas por contrato. Neste sentido, países como Francia xa incluíron na lexislación hai catro anos o "dereito á desconexión" do traballador. Tamén en España se estuda que a nova lei garanta este dereito, así como o non ter que usar computadores ou teléfonos móbiles propios.

E ao igual que en Alemaña, onde as empresas deben dotar os empregados do material técnico necesario para poderen realizar o traballo, así como respectar os horarios laborais e os descansos e garantir a protección de datos.

Comentarios