Unha das demandas históricas das persoas autónomas é a redución das cotizacións á Seguridade Social, unhas das máis altas, segundo demostran as estatísticas, da Unión Europea. Nun contexto de contracción do mercado laboral, e coa idea de fomentar o emprendemento, o Goberno central decidiu pór en marcha en 2013 a chamada “tarifa plana”, unha cota mensual reducida de 50 euros para novos autónomos que experimentou diversos cambios nos últimos tempos, como é o caso da ampliación dos seis meses iniciais ou a eliminación do requisito de ser menor de 30 anos para poder acceder a este beneficio.
Segundo os datos do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, máis de 65.000 galegas e galegos teñen accedido a este desconto, o que sitúa o país na quinta posición en número absoluto de beneficiarios no conxunto do Estado.
As cifras, que a priori resultan positivas, agochan, non obstante, algunhas eivas que as propias organizacións de autónomos cualifican de preocupantes. De feito, o presidente da Federación de Autónomos de Galiza (Feaga), Francisco Javier Pérez Bello, explica que se ben “é certo que ten axudado a novos emprendedores na primeira fase de implantación e que permitiu tamén aflorar centos de empregos que estaban en economía somerxida, tivo dous efectos perversos”. Pérez Bello refírese, en primeiro lugar, ao que afecta ao propio sistema: “Aínda tendo aumentado o número de cotizantes”, apunta, “os ingresos diminúen ao diminuír a cotización”. Así, a nivel xeral calcúlase que neste 2018, o réxime de autónomos (o RETA) gastará 17.800 millóns en pensións (case 13.000 en xubilacións), mentres a recadación apenas chegará a 11.500 millóns, “117 menos que en 2017”, lembra o portavoz de Feaga.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 297, á venda na loxa e nos quiosques habituais]