Xustiza

Labazada do Supremo á Xunta: as vacacións non desfrutadas deben computar como servizos prestados polo persoal temporal

O alto tribunal rexeita o recurso do Goberno galego contra unha sentenza previa e fai efectiva a decisión, argumentando que as e os traballadores eventuais non poden ser tratados dunha forma "menos favorábel" que os fixos.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital de Ourense. (Foto: Xunta)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital de Ourense. (Foto: Xunta)

O Tribunal Supremo vén de recoñecer ao persoal temporal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o dereito a que as vacacións non gozadas nos seus contratos computen como tempo de servizos prestados á Administración a efectos de listas, oposicións ou carreira profesional. A decisión xa é firme ao ser rexeitado o recurso de casación interposto polo Goberno galego ante o alto tribunal, que ratifica así o veredicto do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra de marzo de 2021.

A sentenza, facilitada pola CIG esta cuarta feira, determina, na liña de sentenzas anteriores sobre traballadoras e traballadores públicos con vínculo temporal, que estes non poden ser tratados desde a Administración dunha forma "menos favorábel" que as e os empregados fixos.

O Supremo lembra que así o estabelece a cláusula 4 do Acordo Marco sobre traballo de duración determinada, que recolle que, a non ser que existan "razóns obxectivas" que o xustifiquen, os temporais deben gozar das mesmas condicións que aqueles que teñen praza fixa.

Así, o tribunal subliña na súa sentenza que "a única razón dada" polo Sergas para oporse á reclamación de temporais "é que a iso se opoñen as normas nacionais españolas", un argumento que non considera "convincente".

"Trátase dunha razón formal, que nada di sobre posíbeis diferenzas substanciais relevantes entre unha relación fixa e outra temporal. Ademais, como é sabido, se se dese unha colisión entre a norma nacional e a norma da Unión Europea, esta tería prioridade", engade o Supremo.

Ademais, tamén rexeita a pretensión do Sergas sobre o cómputo das vacacións nos trienios como un dobre lapso temporal, é dicir, como vacacións e como traballo realizado.

Para o Supremo, esta contabilización "non signfica que o tempo de vacacións non deba terse en conta a efectos dos servizos prestados". "Resulta discriminatorio para o persoal temporal en relación co persoal fixo que non se compute o tempo de vacacións compensadas economicamente como tempo de servizos prestados", conclúe o tribunal.

Comentarios